O director xeral de Defensa do Monte presidiu hoxe a reunión telemática na que se constituíu este Comité

A Xunta e o Estado constitúen o Comité de Coordinación Policial Antiincendios para este ano

Manuel Rodríguez lembrou que este ano o dispositivo antiincendios contará con 22 novas cámaras de última xeración que permitirán controlar xa o 70% do territorio galego

Este Comité ten como finalidade coordinar as actuacións entre a Xunta e o Goberno central en materia de investigación, vixilancia e disuasión para facer fronte aos incendios forestais na nosa comunidade

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2021

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, presidiu hoxe por videoconferencia a constitución do Comité de Coordinación Policial Antiincendios para este ano 2021. Este órgano estará operativo desde o 1 de xullo ata o vindeiro 30 de setembro, período establecido como época de alto risco de incendios forestais.
Este comité ten como finalidade coordinar as actuacións da Xunta e do Goberno central en materia de investigación, vixilancia e disuasión para facer fronte aos incendios forestais na nosa comunidade, co fin de sumar sinerxías e minimizar os danos ocasionados polos lumes no patrimonio forestal.
Na xuntanza telemática, o director xeral de Defensa do Monte lembrou que a Xunta mobiliza na loita contra o lume máis de 7.000 efectivos en época de alto risco, entre os propios da Xunta e os do Estado, ao abeiro -neste caso- do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) 2021. Nesta campaña, os medios humanos estarán apoiados por 378 motobombas -19 máis que o ano pasado-, así como por unha trintena de medios aéreos.
A maiores, recalcou Manuel Rodríguez, tamén se reforza a rede de vixilancia no monte con cámaras de última xeración, coa instalación este ano de 22 novos dispositivos, o que permitirá dispoñer xa de 142 en toda Galicia. Localizadas en 71 puntos estratéxicos, estas cámaras prestan especial atención ás Parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI) e ás Zonas de alto risco de Incendios (ZAI) permitindo cubrir xa o 70% do territorio galego.
Na súa intervención, o representante de Medio Rural tamén se referiu á creación dunha Unidade de investigación de incendios forestais (UIFO), que estará formada por 15 membros da Escala de Axentes Ambientais e que dependerá del mesmo, do director xeral de Defensa do Monte. Será unha unidade desvinculada dos labores de extinción, polo que poderá centrarse especificamente na investigación.
Tamén se presentou o Estudo Técnico para a identificación e delimitación de unidades territoriais de acordo coa metodoloxía da aplicación do índice de perigo de incendios na provincia de Ourense, para o que se analizou, en cuadrículas de 500 metros de lado, a distribución do índice de perigo de incendios forestais nos últimos 10 anos. Este índice de perigo integra, á súa vez, os índices de frecuencia, de gravidade e de causalidade, de acordo coa metodoloxía do Plan especial de protección civil ante emerxencias por incendios forestais na comunidade autónoma de Galicia (Peifoga) 2015.
Así mesmo, Manuel Rodríguez aludiu á implantación de novas funcionalidades para o cálculo dos custos de extinción, baseadas na aplicación de custos unitarios e tempo de traballo, o que facilitará a reclamación dos gastos en procesos xudiciais contra incendiarios. Por outra banda, salientou que na tempada de alto risco implantarase o acceso a toda a información operativa do lume, en tempo real, para o persoal que intervén en cada incendio. Isto significa que poderán coñecer o punto de inicio e evolución, os recursos asignados, os puntos de auga próximos, a cartografía, os datos meteorolóxicos, as descargas dos medios aéreos, etc.
Cómpre engadir que na reunión de hoxe, ademais do director xeral de Defensa do Monte, tamén participaron Fernando Veiga, subdirector xeral de Extinción da Xunta; María Dolores Gómez, xefa da Unidade de Protección Civil da Delegación do Goberno en Galicia; o inspector xefe Raimundo Francisco Fernández, xefe da Sección de Unidades Especiais da Brigada Provincial de Seguridade Cidadá (BPSC) e Víctor Manuel Leiva, comandante xefe do Seprona da Garda Civil en Galicia. Por parte da Unidade da Policía Nacional adscrita a Galicia (UPA), estiveron presentes o inspector xefe Vicente Carballo, xefe da Sección de Investigación, e o subinspector Claudio Amboage, xefe do Subgrupo da Sección de Investigacións. Tamén participaron Carlos Magariños e Xosé Xaquín Rodríguez, axentes facultativos medioambientais da Consellería do Medio Rural.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural