A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, xunto co delegado territorial da Xunta, Luis López Diéguez, reuniuse hoxe con representantes das confrarías de pescadores da ría de Pontevedra

A Xunta porá en funcionamento no verán a mellora da depuradora dos Praceres, que suporá un avance substancial no saneamento da ría de Pontevedra

Teresa Gutiérrez salienta o investimento de 16,5M€ na mellora da depuradora e salienta que traballa paralelamente na tramitación ambiental do proxecto de ampliación da planta

Informa dos avances nas obras do emisario submarino, cun investimento de 12 M€ e cuxa tecnoloxía permitirá minimizar o dragado

Augas de Galicia dispón da autorización da ocupación do dominio público marítimo terrestre para progresar nesta actuación, que separará os vertidos industriais dos residuais

Subliña que no 1º semestre de 2022 estarán redactados os proxectos de obras como as do río Lameira de Marín, no Porto Campelo de Poio ou no bombeo de Cocheras, en Pontevedra

A Xunta está a mobilizar 47M€ para apoiar aos concellos de Pontevedra, Poio e Marín nas súas competencias de saneamento, preservar a ría e garantir o turismo, a pesca ou o marisqueo
 

Pontevedra, 17 de xuño de 2021

A Xunta porá en funcionamento no verán as obras de mellora da depuradora dos Praceres, que suporá un importante avance no saneamento da ría de Pontevedra, cun investimento autonómico de 16,5 millóns de euros.
Así llelo trasladou hoxe a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, xunto co delegado territorial da Xunta, Luis López Diéguez, aos representantes das confrarías de pescadores da ría de Pontevedra.
Teresa Gutiérrez concretou que estas actuacións de mellora estarán rematadas no verán e poderán entrar en servizo en setembro, contribuíndo así á mellora substancial da calidade das augas da ría.
Destacou que a Xunta tamén continúa traballando no obxectivo da ampliación desta planta, para o que se está avanzando na tramitación ambiental do proxecto.
A directora tamén abordou cos representantes das confrarías a intervención relativa ao novo emisario submarino, cuxos cambios na tecnoloxía permitirán minimizar o dragado.
Precisou que Augas de Galicia xa dispón da autorización da ocupación do dominio público marítimo terrestre, tanto a definitiva como a temporal, necesarias para o progreso desta intervención.
Cómpre lembrar que a Xunta comezou recentemente as obras do novo emisario submarino, cun investimento de 12 millóns de euros e de xeito compatible coa actividade extractiva.
A actuación consiste na execución dun novo emisario que separe os vertidos industriais dos residuais e que teña as dimensións axeitadas, tanto para as necesidades actuais como para as futuras.
Trátase dunha obra estratéxica na que cómpre avanzar, polo que xa se está traballando con intensidade, fabricándose nos talleres as grandes tubaxes necesarias.
O proxecto consta de dúas partes diferenciadas, unha terrestre, de construción dunha cámara de carga e unha estación de bombeo, e do emisario, de máis de 3,5 km de lonxitude.
Engadiu outras obras complementarias que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a impulsar en puntos como o río Lameira de Marín, no Porto Campelo de Poio ou no bombeo de Cocheras, no propio concello de Pontevedra.
Precisou que estes proxectos se atopan actualmente en fase de redacción, prevéndose telos á disposición no primeiro trimestre do próximo ano para poder licitalos e executalos dentro do período operativo Feder, que está en marcha ata o ano 2023.
O Goberno galego, a través destes proxectos, traballa para preservar a ría e garantir o futuro do turismo, da pesca, do marisqueo e da acuicultura. Para acadar estes obxectivos, a Xunta está a mobilizar 47 millóns de euros en apoio dos concellos de Pontevedra, Poio e Marín nas súas competencias municipais de saneamento e depuración das augas residuais.
 

Imaxes relacionadas