A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia participa no foro rexional da Asociación Española para o Fomento da Seguridade da Información (ISMS)

O Nodo Galego de Ciberseguridade crea un grupo de traballo dirixido ás empresas

A Xunta elabora unha Estratexia Galega de Ciberseguridade que forma parte da transformación social deseñada na Estratexia Galicia Dixital 2030

As iniciativas promovidas pola Xunta, como a creación do Nodo CIBER.gal e o Centro de Ciberseguridade de Galicia, enmárcanse nas estratexias de España e Europa

Os ciberataques ás empresas creceron un 25% durante a pandemia, o que supuxo un custe superios aos 5 billóns de euros en todo o mundo

Vigo, 17 de xuño de 2021

Galicia disporá de un grupo de traballo dirixido ás empresas no marco do Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, promovido pola Xunta de Galicia e do que forman parte as principais entidades públicas e privadas relacionadas coa seguridade nos ámbitos dixitais.
Este grupo de traballo comezará a súa actividade nas vindeiras semanas e programará accións ao longo deste ano.
A ciberseguridade nas empresas foi o argumento do foro rexional da Asociación Española para o Fomento da Seguridade da Información (ISMS), que se celebrou esta mañá en Vigo e que foi inaugurado cunha intervención da directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pareira.
Durante a sesión, o director de Infraestruturas e Seguridade da Amtega, Adrián Lence, presentou o Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, unha estrutura de cooperación que conecta axentes públicos e privados, entre os que se atopan as princiais entidades de referencia de España, como o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) ou o Centro Criptolóxico Nacional (CCN). Tamén forman parte do Nodo as catro deputacións galegas, a Federación Galega de Municipios e Provincial (FEGAMP) e a Amtega, ademáis de das entidades privadas que se están incorporando.
CIBER.gal dirixe a súa actividade á cidadanía, ás Administracións Públicas e ás empresas e está integrado no ecosistema galego de ciberseguridade, que se completa coa creación do Centro de Ciberseguridade de Galicia, que se construirá na Cidade da Cultura, e cun catálogo de mecanismos e instrumentos ao servizo da seguridade nos ámbitos dixitais. O primeiro destes mecanismos é o Acordo Marco que permite a prestación de servizos neste ámbito á cidadanía, ás administracións e ás empresas. Ambas actuacións foron aprobadas en marzo polo Consello da Xunta.
As actuacións de reforzo promovidas pola Xunta de Galicia en materia de ciberseguridad polo aumento dos incidentes provocado pola pandemia implicarán a mobilización de máis de 12 millónes de euros ata 2023 que inclúen, ademáis do Centro e o Acordo Marco, a creación dunha oficina de apoio ao CIBER.gal.
Segundo os últimos datos dispoñibles, en 2019 rexistráronse en Galicia case 12.000 ciberincidentes, o que supuxo un aumento de casi un 40% con respecto ao ano anterior. En España, o Instituto Nacional de Ciberseguridade xestionou en 2020 máis de 130.000 incidencias, das que o 80% afectaron a cidadanía e empresas. No mundo, os ciberataques ás empresas creceron un 25% durante a pandemia, o que supuxo un custe global para as compañías de mási de 5 billóns de euros.
A Xunta de Galicia traballa dende 2015 en accións específicas para o fomento da ciberseguridade. Desenvolveu os plans directores de seguridade e creou o equipo galego de resposta ante emerxencias informáticas CSIRT.gal. Na actualidade elabora unha Estratexia Galega de Ciberseguridade, dacordo coa Estratexia Galicia Dixital 2030 e aliñada coa Estratexia Nacional de Ciberseguridade 2019. As actuacións do Goberno galego aliñanse tamén coa estratexia europea a través dos nodos tecbolóxicos desenvolvidos pola Amtega.

Imaxes relacionadas