A Xunta garante a seguridade nos albergues da rede pública que abriron esta semana para atender o aumento da afluencia de peregrinos

O xerente de Turismo de Galicia, Emilio de la Iglesia, explicou hoxe nunha demostración nun dos albergues abertos o protocolo coas medidas anticovid para un uso seguro destas instalacións

O límite de ocupación nas zonas comúns é do 50% e nas habitacións do 30%, salvo para as persoas que acrediten formar parte dun grupo burbulla

O pasado martes entraron en funcionamento a metade dos albergues da rede e o 1 de xullo quedará activada na súa totalidade

Lalín (Pontevedra), 17 de xuño de 2021

O protocolo de medidas de prevención ante a covid-19 para o uso dos albergues garante aos peregrinos un Camiño Seguro, como destacou hoxe no de Bendoiro de Lalín o xerente de Turismo de Galicia, Emilio de la Iglesia. Entre as medidas que deben cumprir a metade dos albergues da Rede Pública que reabriron este martes con tódalas garantías de seguridade inclúese o límite de ocupación ao 50% nas zonas comúns, que se reduce ao 30% nas habitacións, salvo para as persoas que declaren por escrito formar parte dun grupo burbulla para compartir cuarto.
Ademais, as camas están dispostas cunha distancia mínima de 1,5 metros e nas liteiras evítase o uso das contiguas e as superiores, mentres que os peregrinos deberán levar o seu propio saco de durmir e aconselláselles que empreguen a máscara pola noite.
A Xunta dá resposta así o aumento da afluencia de peregrinos nas últimas semanas con máis de 300 ao día, un dato que se incrementa de xeito notable nas fins de semanas. A medida que se relaxaban as restricións de mobilidade e se flexibilizaban as restricións sanitarias ante a covid-19 comezou a incrementarse a afluencia de peregrinos con máis de 11.300 desde abril. Se no primeiro trimestre apenas chegaron 268 persoas, no mes de abril triplicouse a cifra ata 1.000, en maio cuadriplicouse ata superar os 4.000 e só na primeira metade de xuño rexistráronse máis de 6.000.
Por iso, ante a previsión de repunte nos próximos meses coincidindo co verán, a época do ano con maior chegada de peregrinos de xeito tradicional, facíase necesario comezar a abrir os albergues públicos que ata agora permanecían pechados para non facer competencia aos privados. Deste xeito, a Xunta comezou abrindo os albergues das rutas que teñen menor oferta de aloxamentos privados coa apertura da metade de establecementos da rede pública, e coa previsión da apertura dos demais o 1 de xullo, incluído o do Monte do Gozo de Santiago de Compostela.
A reactivación do Camiño nas últimas semanas constata que turistas e peregrinos perciben a Galicia como un destino seguro e cun Camiño Seguro. Nesa liña, a Xunta apoia desde o inicio da pandemia ao sector turístico, entre eles aos albergues, coa formación de 300 hospitaleiros sobre as medidas de prevención ante a covid-19, na elaboración de guías cos protocolos a seguir e con apoio tamén aos albergues privados para adaptar as instalacións ás normas sanitarias.
Co obxectivo de ofrecer un plus de tranquilidade tanto a turistas como peregrinos, a Xunta xa ten activo tamén o seguro coronavirus co que cubrir os gastos derivados dunha infección por covid-19 ou da prolongación da estancia por corentena obrigada.

Imaxes relacionadas