Galicia participa con 16 comunicacións no Primeiro Congreso Internacional de Humanización da Asistencia Sanitaria

Entre os temas das ponencias están a incorporación dos pacientes e profesionais á práctica da humanización, ou a humanización na atención do paciente oncolóxico

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2021

O Primeiro Congreso Internacional da Humanización da Asistencia Sanitaria, que está a ter lugar en Madrid, de xeito virtual e semipresencial, para afondar na humanización e na ciencia, vai contar cunha importante participación das diversas áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde.
O congreso ten como obxectivo crear un espazo de encontro entre profesionais, pacientes e, en xeral, todas as persoas implicadas e sensibilizadas coa humanización da asistencia sanitaria.
Un total de 16 son as intervencións do Sergas neste evento. Así, os profesionais da área sanitaria de Ourense terán cinco participacións. No apartado de xestión e liderado, falarán da ”Humanización da atención sanitaria: do papel á acción”. No área de empoderamento do paciente, os temas abordados serán: a ”Humanización no trato ao adulto maior: Observatorio contra a discriminación”; a “Integración e participación da sociedade e a comunidade nas organizacións sanitarias: piar básico para a humanización”; e a “Operación esperanza: cando a emotividade cobra forma”. No apartado de habilidades e actitudes, o tema a tratar é a ”Incorporación dos pacientes e profesionais á práctica da humanización”.
Os profesionais da área sanitaria da Coruña tamén terán unha destacada participación no congreso. Así, no apartado de xestión e liderado, presentaran o“Plan de Medidas de humanización da covid-19 na área da Coruña”; “E porque non nos podemos parecer a INDITEX?”. Outras comunicacións abordarán a experiencia do paciente ingresado na primeira ola da covid; e un proxecto de medidas de traballo social sanitario para apoio a pacientes con risco psicosocial. Así mesmo, exporán un proxecto de revisión de toda a cartelaría de información non permanente para pacientes e familias, e tamén outro sobre consentimentos informados ilustrados.
A área sanitaria de Lugo tamén terá participación no congreso, presentando, no apartado de procesos asistenciais, a comunicación “Proxecto de humanización na atención do paciente oncolóxico”; e, no apartado de arquitectura e tecnoloxía, falarán da “Redefinición do Hospital de Día Oncohematolóxico en tempos da Covid”.
Tamén dende a área sanitaria de Pontevedra presentarase o proxecto “Beatriz vai ao Quirófano. Proxecto de Humanización do proceso cirúrxico pediátrico”.
Dende os servizos centrais do Sergas, a Subdirección Xeral de Humanización, tamén terá participación no congreso, en concreto nos apartados de xestión e liderado e empoderamento do paciente. Ao respecto, falarán da implicación dos pacientes na elaboración dunha estratexia de humanización; e da experiencia de participación cidadá na sanidade pública.