Trenor clausura o encontro Gali Forum organizado pola Asociación Cambre Empresarial

O delegado da Xunta destacou que a prioridade da Xunta na xestión da pandemia foi que a nosa comunidade fose un referente de estabilidade e responsabilidade

A Coruña, 17 de xuño de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou esta tarde na clausura das xornadas I Gali Forum que consistiron nunha ponencia e unha mesa redonda sobre a evolución económica nas empresas, pemes e autónomos, durante e despois da pandemia.

Na súa intervención destacou que "desde a Xunta de Galicia traballouse desde o minuto un para que a nosa comunidade fose un referente de estabilidade e responsabilidade na xestión da pandemia". Neste senso, subliñou que "puxemos en marcha o plan de reactivación económica que, grazas a que este ano a Xunta cumpriu co déficit e non se endebedou máis do necesario, dispuxo de liquidez no peor momento posible para afrontar os retos económicos máis ambiciosos da nosa historia".

Trenor recalcou que "como administración fomos conscientes de que desde o inicio da pandemia tiñamos que acompañar aos sectores máis castigados pola crise e estar ao lado dos empresarios, dos autónomos e das pemes".

O representante do Goberno galego rematou lembrando que a prioridade da Xunta é reducir o impacto económico da pandemia e para acadar este obxectivo traballamos en todos os frentes. Trenor puxo algúns exemplos como a axilización da licitación pública para xerar emprego, a elaboración da lei de simplificación administrativa para adaptar a administración ás necesidades do tecido produtivo na situación actual, ou a elaboración dunha ambiciosa candidatura aos fondos Next Generation con máis de 300 proxectos e 20.000 millóns de euros de investimento.

Imaxes relacionadas