A ampliación da Avenida da Deputación de Sabón obriga a un corte diúrno na fin de semana entre o enlace de acceso ao polígono e a Avenida da moda

Durante a xornada do sábado e do domingo habilitaranse como desvíos alternativos ao tráfico a estrada AC-552 e a avenida da Ponte

A concentración dos traballos nas dúas xornadas da fin de semana e de xeito previo á época de verán, trata de minimizar a afección aos usuarios e ao polígono e axilizar a obra

A actuación integral, cun investimento de 6,3M€, enmarcase nun convenio entre a Xunta e o Concello de Arteixo e a previsión é que remate no verán do vindeiro ano

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2021

As obras de ampliación da avenida da Deputación, no polígono industrial de Sabón, en Arteixo, obrigarán a realizar un corte de tráfico entre o enlace de acceso ao polígono industrial e a avenida da Moda entre ás 08,00 e as 20,00 horas esta fin de semana, tanto o sábado día 19, como o domingo día 20.
Para evitar no posible o impacto dos traballos no tráfico diúrno de vehículos na zona, habilítase, como desvío alternativo, a circulación pola estrada autonómica AC-552 e a avenida da Ponte, como itinerario alternativo. Estes desvíos estarán debidamente sinalizados e balizados.
A actuación no tramo da avenida da Deputación, comprendido entre os puntos quilométricos 0 e 0+320, faise necesaria para a execución de cinco cruces de calzada para as canalizacións de electricidade, telecomunicacións e iluminación que dan servizo a parcelas do polígono de Sabón, que inciden directamente sobre o ámbito de actuación das obras.
A concentración dos traballos na fin de semana, e de xeito previo á época de verán, trata de minimizar a afección aos usuarios e ao polígono, ao tempo que permite maior axilidade á propia obra.
Con esta programación, redúcese a dous días a afección con respecto ao que suporía realizar esta intervención co tráfico aberto, que suporía estender os traballos aproximadamente durante 10 días. A realización dos traballos na fin de semana tamén evita as retencións de acceso ao polígono durante as xornadas laborais. Ademais mellóranse as condicións de seguridade dos traballos e dos condutores, ao evitar a circulación durante a súa realización.

Investimento, máis de 6,3M€

O pasado 11 de xaneiro comezaron estas obras de ampliación da capacidade e humanización da avenida da Deputación no polígono de Sabón. A data prevista de remate das obras é o verán do vindeiro ano, se ben se executan procurando acurtar en todo o posible os prazos.
Con esta intervención integral, que supón un investimento de máis de 6,3 millóns de euros, perséguese solucionar os problemas de fluidez do tráfico que se xeran nas horas puntas nesa contorna, favorecer os movementos e facer máis cómodos e seguros os desprazamentos das persoas que cada día se achegan ao polígono.
Os traballos desenvólvense no marco dun convenio de colaboración entre a Xunta, que financia e executa as obras, e o Concello de Arteixo, que pon á disposición os terreos necesarios e manterá a actuación, unha vez rematada.
O proxecto consiste no desdobramento dos carrís da avenida da Deputación, que pasará a ter 4 carrís en todo o trazado, entre a glorieta elevada de Sabón e a da avenida da Enerxía, onde se atopa a ITV.
No primeiro treito, entre a glorieta de Sabón e a avenida do Embalse, acometerase un carril adicional en sentido Coruña, con conexión directa ao ramal de acceso ao nivel inferior da rotonda, o que mellorará os tráficos e a fluidez dos vehículos pesados. Tamén se habilitarán beiravías, beirarrúas e unha zona con aparcadoiro en liña.
No segundo tramo, entre as avenidas do Embalse e da Moda, duplicaranse os carrís por cada sentido e dotarase a zona de aparcadoiro en liña e beirarrúa e beiravías. Ademais executaranse muros de contención para salvar as afeccións coas parcelas existentes.
No terceiro treito, entre as avenidas da Moda e da Enerxía, duplicaranse os carrís con separación mediante mediana física, e habilitaranse en ambas marxes, beirarrúas con beiravías de 1 metro de ancho.
A intervención recolle a construción de dúas ´turboglorietas´ nas interseccións coa avenida do Embalse e coa da Moda e unha glorieta de 36 metros de diámetro na da Enerxía. Estas infraestruturas permitirán cambios de circulación e xiros máis cómodos e seguros.
Cómpre precisar que durante a execución das obras se prima o mantemento dun carril útil para a circulación en cada sentido coa fin de non afectar nunca á plataforma completa e dar unha alternativa aos tráficos.