Política Social destina máis de 360.000 euros a programas de inclusión social e laboral para persoas en situación de vulnerabilidade de Cáritas en Compostela

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou esta mañá a sede da entidade emprazada en Santiago

A entidade fixo entrega duns diplomas aos participantes dos cursos de Inclusión Social
 

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2021

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou hoxe a sede de Cáritas Interparroquial de Santiago de Compostela, onde fixo entrega duns diplomas correspondentes aos cursos de Inclusión Social. A Xunta de Galicia achegou máis de 360.000 euros para a elaboración destas iniciativas, que van desde programas de inclusión sociolaboral para persoas sen fogar, ata mediación social e intercultural.

Os títulos entregados acreditan a asistencia dos participantes a programas de alfabetización dixital, cursos de auxiliar de limpeza en aloxamentos e empresas, e atención especializada a enfermos de alzhéimer, e son o resultado do esforzo e o compromiso das persoas que se atopan nunha situación de risco nestes momentos tan complexos. Os participantes contaron con 150 horas teóricas e un período de prácticas en empresa.

Arturo Parrado salientou durante o encontro o importante labor que están a realizar nestes momentos tan difíciles as entidades que traballan na inclusión social e laboral de persoas que se encontran nunha situación de vulnerabilidade.

Tres millóns de euros

Na última convocatoria de entidades 2020-2022, o Goberno galego destinou unha axuda de máis dun millón de euros ao mantemento dos diferentes programas que ten en marcha esta organización, como o de alfabetización dixital, no que se investiron 9.000 euros; o comedor social, ao que se achegaron máis de 76.000 euros; a reforma da cociña e o acondicionamento das instalacións dos aseos; ou a adquisición de material informático.

Ademais da convocatoria de entidades, a Xunta de Galicia achegou a través do 0,7% do IRPF outros case 2 millóns de euros en 2020 á agrupación constituída por Cáritas de Santiago, Ourense, Tui-Vigo e Mondoñedo-Ferrol, dos que a metade corresponden a programas de inclusión.