A Xunta aproba o proxecto sectorial do ámbito do futuro Campus do Mar de Vigo que acollerá o Instituto de Investigacións Mariñas

Trátase dunha zona de máis de 16.000 m2, localizada na antiga ETEA, na que se implantará un novo complexo altamente especializado promovido polo CSIC e chamado a ser un referente internacional

Cómpre lembrar que o PS-2 foi ratificado en maio polo Consello da Xunta, cando se converteu no terceiro en lograr a súa aprobación definitiva nos últimos sete meses, o que representa o compromiso do Goberno galego con este proxecto

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se fai pública a aprobación definitiva do Proxecto sectorial PS-2 do futuro Campus do Mar en Vigo, localizado na antiga Escola de Transmisións e Electricidade da Armada (ETEA). Trátase do ámbito da área científico tecnolóxica 1 que acollerá o Instituto de Investigacións Mariñas, dependente do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), organismo que, precisamente, actúa como promotor deste sector.

A Xunta avanza así un novo paso na implantación dun novo campus altamente especializado e chamado a ser un referente internacional no eido da investigación mariña; na ordenación detallada dos usos complementarios abertos á cidadanía, para facelo un espazo máis atractivo e que contribúa á revitalización do barrio vigués de Teis-A Guía; e, así mesmo, na súa integración nun ámbito de singular valor cultural e paisaxístico, respectando os valores da contorna.

Cómpre lembrar que o PS-2 foi ratificado en maio polo Consello da Xunta, cando se converteu no terceiro en lograr a súa aprobación definitiva nos últimos sete meses, o que representa o compromiso do Goberno galego con este proxecto que busca a recuperación do complexo da antiga ETEA coa adaptación dos terreos aos novos usos previstos.

O proxecto sectorial da área científico-tecnolóxica 1, cunha superficie total de 16.042 metros cadrados, está en contacto coa praza de Armas polo noroeste; coa avenida principal da ETEA polo oeste; co ámbito PS-3 B cara ao sur; e co peirao da ETEA e o barrio de Teis cara ao norte e o este, respectivamente.

Na actualidade, está parcialmente ocupado por un total de oito edificacións pertencentes ao antigo complexo da ETEA, concretamente os edificios Kelvin, Hertz, Luis Janer, Aulas e exposicións, Ampere, Vivenda do axudante maior, Churruca e Gauss. De todos, o proxecto sectorial prevé manter e rehabilitar as catro que presentan valores patrimoniais destacables, como o edificio Kelvin, cun grao de protección estrutural no PXOM de Vigo e que o Plan sectorial da ETEA tamén recolle.

A nova ordenación xirará en torno a unha praza interior, que queda conformada polos edificios Hertz —o cal ampliará a súa superficie—, Gauss, Churruca e o novo edificio Ampere. Ao sueste, no lugar onde actualmente hai unhas pistas de tenis en desuso, concentrarase o resto da edificabilidade nun novo edificio; e como elemento estruturante da mobilidade en todo o ámbito, desenvolverase un vieiro perimetral polos extremos oriental —lindeiro co barrio de Ríos— e sur —en contacto co futuro PS-3B—. Os edificios Kelvin e Gauss manterán as súas envolventes e no caso de Hertz e Churruca manteranse tamén as súas fachadas de pedra, aínda que se desmantelará o interior polo seu mal estado de conservación.

Asemade, proponse a demolición de catro edificios existentes —Luis Janer, Ampere, Aulas e exposicións e a Vivenda do axudante maior— pola súa escasa calidade arquitectónica e construtiva e incompatibilidade co desenvolvemento do programa previsto.

En canto ás zonas de estacionamento, o plan sectorial esixe unha reserva mínima de 42 prazas para este ámbito concreto, no que se prevén finalmente unhas 200 prazas, mantendo 11 delas no viario público, reservando dúas para persoas de mobilidade reducida.

En canto ao cronograma previsto para o seu desenvolvemento, establécese o prazo dun ano desde a aprobación definitiva do PS-2 para o inicio das obras e de catro anos a partir dese momento para rematar a execución da urbanización.

Estado de tramitación dos restantes proxectos

Ademais da xa referida área científico-tecnolóxica 1, prevista no PS-2, cómpre lembrar que o PS-6 está reservado a usos complementarios, entre os que destaca a futura residencia pública para maiores.

O desenvolvemento da ETEA tamén se fai a través do PS-4, que se corresponde coa área de equipamento deportivo, usos complementarios dotacionais e parque urbano; o PS-5, xa desenvolvido na súa totalidade pola Xunta, e finalmente o PS-3, que se desenvolverá en dúas fases, acollerá a outra gran área científico-tecnolóxica, promovida neste caso pola Universidade de Vigo.

Dos seis proxectos necesarios para desenvolver o Campus do Mar, un está actualmente en tramitación (o PS-3), outros tres acaban de aprobarse (PS-2, PS-1 e PS-6) e un quinto foi xa executado (PS-5). O restante proxecto sectorial, correspondente ao ámbito PS-4 e que depende do Concello de Vigo, é o único que aínda non iniciou a tramitación ambiental.

A Xunta de Galicia xa leva executado un investimento de 7,7 millóns de euros en actuacións relacionadas cos tres ámbitos que promove directamente, PS-1, PS-5 e PS-6; así como o custo do solo adquirido na ETEA e as obras na área de usos recreativos (PS-5), rematadas en 2015.

A previsión é que o Goberno galego invista en total ao redor de 10 millóns de euros no ámbito destinado a viarios, espazos de uso libre e infraestruturas de conexión, tanto interiores como exteriores –o PS-1, e uns 27 millóns de euros na área reservada ao desenvolvemento de usos complementarios como a futura residencia de maiores o PS-6–.