Axentes de Gardacostas e da Garda Civil interceptan en Cee a un furtivo con máis de 30 quilos de marisco extraídos de xeito irregular

O operativo conxunto permitiu requisar 25 quilos de ameixa e algo máis de sete de berberecho que foron sementados nas proximidades do espigón do peirao, onde foran extraídos mediante técnicas de mergullo asistido

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2021

O Servizo de Gardacostas de Galicia desenvolveu na tarde de onte un operativo conxunto co Servizo Marítimo da Garda Civil na Coruña que permitiu interceptar a un furtivo que extraeu máis 30 quilos de marisco de xeito irregular no porto de Cee. Os axentes decatáronse de que o presunto infractor estaba a extraer recursos mediante mergullo nas proximidades do espigón do peirao e fixéronlle seguimento ata o momento no que ía abandonar o porto no seu vehículo coas capturas obtidas.

O operativo permitiu comprobar que o interceptado carecía do permiso necesario para exercer o marisqueo e que o facía con medios prohibidos -mediante mergullo coa axuda dunha botella de osíxeno- polo que estaba a infrinxir varios artigos da Lei de Pesca de Galicia. Ante esta situación, os axentes procederon a comisar o marisco que levaba no vehículo -25 quilos de ameixa e algo máis de sete quilos de berberecho- e a incautar os útiles empregados, entre os que se atopaban dúas aletas, unhas gafas, a botella de osíxeno e o chaleco do equipamento de mergullo así como un saco de rede, un par de guantes e un cinto con chumbos.

O marisco comisado foi levado á lonxa de Corcubión para a súa pesada e posteriormente entregado ao persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia para a súa sementeira na mesma zona da que fora extraído.
 

Imaxes relacionadas