A Xunta promove en Muros a diversificación do oficio tradicional das redeiras galegas

A exposición ‘Enredadas’, que reúne os resultados dos cursos de formación para redeiras artesás galegas, estará aberta ao público no Muíño das Mareas do Pozo de Cachón desde mañá, 18 de xuño, ata o próximo 18 de xullo

Trátase dun proxecto de boas prácticas impulsado polo Goberno galego para que as redeiras poidan abrir novas oportunidades de negocio a través doutros ámbitos como a moda, os complementos e a decoración

Muros (A Coruña), 17 de xuño de 2021

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e a Consellería do Mar presentan unha nova iniciativa de divulgación da diversificación do oficio tradicional das redeiras artesás galegas. Trátase da exposición de fotografías Enredadas, realizada en colaboración co Concello de Muros e que se pode visitar desde mañá ata o próximo 18 de xullo.

Nas fotografías, realizadas por Miguel Vidal, pódense ver os resultados dos últimos cursos de formación realizados en Buño a finais do ano 2020 e nos que as redeiras aplicaron as técnicas do oficio tradicional de elaboración e reparación de redes aos ámbitos da moda, dos complementos e da decoración de interiores, impartidos polas deseñadoras Rosalía Castro e Raquel Sousa.
Enredadas é o resultado da colaboración desde o ano 2012 da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación –a través de Artesanía de Galicia– e da Consellería do Mar orientada a ofrecerlle formación especializada e continuada ao colectivo das redeiras artesás de diferentes localidades galegas e acadar así unha renovación desta actividade tradicional e un incremento dos ingresos deste colectivo.
Os obxectivos deste proxecto son poñer en valor o traballo das redeiras artesás e do seu oficio, apoiando a diversificación da súa actividade profesional; mellorar a súa situación económica, fomentando a súa estabilidade laboral e incorporando novas redeiras ao sector. Búscase tamén promover a colaboración intersectorial que lle abra as portas ás redeiras dun mercado contemporáneo, introducir novos materiais e mellorar as técnicas e a calidade dos produtos elaborados.
Enredadas contribúe a potenciar o valor social do oficio das redeiras, aposta pola sustentabilidade e pola economía circular, e apoia a comercialización dos novos produtos e a promoción do propio proxecto. Grazas a este proxecto, a Fundación Pública Artesanía de Galicia foi galardoada como exemplo de boas prácticas co Premio Promociona para Entidades Públicas na XI edición dos Premios Nacionais de Artesanía 2016.
A exposición Enredadas estará aberta ata o 18 de xullo no Muíño das Mareas do Pozo de Cachón de Muros de martes a venres en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19.30 horas, e os sábados de 10:00 a 16:00 horas. Entre os días 17 e 18 de xullo, a Fundación Artesanía de Galicia ten previsto organizar a Feira Artesanía de Galicia na praza de abastos de Muros.

Imaxes relacionadas