O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova orde desta prestación

Mañá abre o prazo para solicitar o Bono concilia, ao que a Xunta destina un orzamento de 2M€

Trátase dunha axuda directa para as familias cuxo primeiro fillo non obtivo praza nun centro público

O Goberno galego incrementou nun 10% todos os tramos desta axuda que no curso 2020/2021 beneficiou a un total de 1400 nenas e nenos
 

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha nova orde de axudas do Bono Concilia, mediante o que as nais e pais que non obtiveron praza nunha escola infantil pública poden financiar unha praza nun centro da súa elección. O Goberno galego destinará un total de 2 millóns de euros a esta prestación, ampliables para atender ao 100% das solicitudes que cumpran os requisitos.

Deste xeito, mañá abrirá o prazo de solicitude que se prolongará durante un mes. Como novidade, este ano incrementaranse un 10% todos os seus tramos. Así, para un neno que vaia á escola a xornada completa con comedor, o Bono oscilará entre os 50 euros e os 275 euros ao mes.

Para solicitar esta axuda débese ter pedido antes unha praza pública, e que ou ben fose denegada ou ben non se axuste ás necesidades de horario das familias. Esta axuda é compatible con outras destinadas tamén a pagar este servizo, sempre que non se supere o custo da praza. No curso 2020/2021 máis de 1400 familias beneficiáronse deste bono. Desde o 2009 foron preto 23.000 os nenos que levan desfrutado desta axuda para o pago dunha praza nunha escola infantil.

Axuda para primeiros fillos

Esta prestación beneficia na actualidade só aos primeiros fillos, xa que desde o mes de abril do ano pasado todos aqueles segundos fillos e sucesivos teñen o 100% da atención educativa gratis en calquera escola infantil, tanto pública como privada ou de iniciativa social.
 

Imaxes relacionadas