A Xunta sinala que os premios de AJE Galicia exemplifican a capacidade de innovación do tecido empresarial galego

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou en Narón na entrega dos ‘X Premios Joven Empresario/a e Iniciativa emprendedora de Galicia’

Destaca o “espírito inconformista” dos emprendedores galegos e a súa capacidade de resposta ante situacións difíciles como a chegada da covid-19

O Goberno galego defende a importancia da colaboración público-privada para acometer os grandes proxectos transformadores da próxima década

Narón (A Coruña), 16 de xuño de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asistiu esta tarde no Pazo da Cultura de Narón á X Edición Premios Joven Empresario/a e Iniciativa Emprendedora de Galicia, organizado por AJE Galicia. No acto, destacou que os proxectos seleccionados son un exemplo da capacidade que está a ter o tecido empresarial galego para adaptarse ao novo contexto socioeconómico provocado pola covid-19, así como de reinventarse botando mas da innovación e da tecnoloxía.

Así, na súa intervención, Conde destacou o “espírito inconformista” dos emprendedores galegos e destacou o mérito de todos os que están detrás das oito iniciativas seleccionadas por AJE, demostrando así o talento que hai en Galicia e a capacidade de resposta ante situacións difíciles como a vivida no último ano.

O vicepresidente económico marcou a dixitalización e a sustentabilidade como os principais desafíos desta crise e apostou pola importancia da colaboración público-privada para acometer os grandes proxectos transformadores que se van materializar na próxima década, sinalando que o futuro está na xuventude que innova.

Imaxes relacionadas