Conde apela á coordinación entre administracións para conseguir unha planificación ordenada do sector eólico

Subliña que, para a Xunta, o cumprimento das directrices ambientais é unha premisa esencial na tramitación de todo proxecto eólico

Destaca que o decreto do Goberno está a producir un efecto chamada que fai imprescindible priorizar o grao de maduración dos proxectos que se están presentando

“É necesaria unha planificación que non estrese os procedementos e que estea consensuada entre o Ministerio para a Transición Ecolóxica e as comunidades autónomas”, remarca

Afirma que a planificación eléctrica da rede de transporte debe ter en conta as necesidades de reforzo das infraestruturas de evacuación e transporte baixo o principio de “rede única”

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2021

O conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, apelou hoxe ao traballo coordinado entre administracións para acadar unha planificación ordenada do sector eólico. Segundo dixo, é unha responsabilidade conxunta garantir que o seu desenvolvemento se fai priorizando a súa compatibilidade co medio natural.

Conde interveu hoxe de forma telemática nunha mesa de debate sobre tramitación administrativa organizada no marco do Congreso Nacional Eólico, xunto aos responsables das áreas de economía e industria nos gobernos de Aragón, Navarra, Canarias, e o subdirector xeral de Enerxía Eléctrica do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Carlos Redondo.

O vicepresidente económico apuntou que as administracións desempeñan un papel importante para facilitar o desenvolvemento de proxectos pero, ao mesmo tempo, coa responsabilidade de ser garantistas desde o punto de vista do cumprimento das directrices ambientais. Para a Xunta, dixo, iso é unha premisa esencial á hora de tramitar todo proxecto eólico.

A Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, segundo precisou, ademais de velar por este equilibrio, establece avances para garantir o cumprimento dos prazos a través do silencio administrativo. E cualificando como iniciativas empresariais prioritarias aqueles proxectos renovables para autoconsumo industrial, fomenta que se vincule a enerxía coa actividade da industria.

Con respecto ao decreto 23/2020 aprobado polo Goberno en xuño do ano pasado, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e outros ámbitos para a reactivación económica, considerou que está a producir un efecto chamada que fai necesario incidir sobre o grao de maduración dos proxectos que se están presentando. Por iso insistiu en que “é necesaria unha planificación ordenada que non estrese os procedementos e que estea consensuada entre o Ministerio para a Transición Ecolóxica e as comunidades autónomas”.

Desde o punto de vista técnico, subliñou, isto implica que a planificación eléctrica da rede de transporte 2021-2026 vai parella ao desenvolvemento do sector eólico. Segundo manifestou, debe ter en conta e ir en coordinación coa implantación dos diferentes proxectos eólicos e o seu impacto no territorio por se houbese que reforzar os nós de evacuación próximos. É necesaria unha planificación racional e ordenada das infraestruturas de evacuación e de transporte baixo o principio de “rede única”, abondou.

Conde reiterou a importancia de “traballar no menor impacto posible” deste tipo de proxectos e, no caso da eólica offshore, recoñeceu que os Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) son determinantes para a implantación equilibrada desta tecnoloxía. Para iso, engadiu, non pode haber avances se non hai consenso e acordo co sector marítimo-pesqueiro.

O vicepresidente económico concluíu facendo unha chamada á corresponsabilidade das administracións, do Estado e dos sectores afectados para que o desenvolvemento da enerxía eólica sexa compatible desde o punto de vista medioambiental, social e económico.

Imaxes relacionadas