Na xornada interviñeron o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal e membros da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

A Xunta presenta a nova plataforma de estatística forestal nunha xornada virtual dirixida ao sector

A plataforma dixital está orientada a que os cidadáns poidan crear os seus propios anuarios estatísticos

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal anunciou que se porá en marcha o Sistema Rexistral Forestal de Galicia coa información dos montes, agrupacións forestais e silvicultores activos, e o control automático de detección de cortas de madeira mediante satélite
 

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2021

A Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) celebraron hoxe unha xornada sobre a dixitalización forestal xunto coas principais organizacións e asociacións vinculadas á cadea de monte industria en Galicia. Na xornada, á que asistiu o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, presentouse a nova plataforma de estatística forestal, orientada a que os cidadáns poidan crear os seus propios anuarios estatísticos.

A directora xeral da Amtega, Mar Pereira, foi a encargada de abrir a xornada. Na súa intervención, puxo en valor os esforzos conxuntos realizados coa Consellería do Medio Rural para avanzar na transición dixital dun sector tan importante en Galicia como o forestal. "Estamos a escoitar as necesidades dos sectores e desenvolvendo solucións dixitais a medida que lles dean unha resposta eficiente", asegurou a directora. Así mesmo, animou ás organizacións e asociacións asistentes a seguir progresando nestes procesos, afondando no impacto positivo que esta transición produce.

Do mesmo xeito, o xerente da Amtega para o sector primario, Manuel Barcón, lembrou o conxunto de accións realizadas ao abeiro da Estratexia de Dixitalización e Descarbonización (D&D) que tanto a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal como a Axencia veñen desenvolvendo nestes últimos anos. Entre os fitos repasados encóntranse proxectos como a tramitación electrónica das solicitudes de cortas de madeira, a celebración de poxas de madeira 100% dixitais en montes xestionados pola Xunta ou a creación dunha ferramenta web que informa aos consumidores da pegada de carbono dos produtos de madeira.

Precisamente, estas iniciativas están enmarcadas no programa Primare de impulso na dixitalización no sector primario que a Amtega vén desenvolvendo en materia de prevención e apoio na extinción de incendios e instrumentos de mobilización de terras, entre outros.
Pola súa banda, o subdirector xeral de Recursos Forestais, Jacobo Aboal, foi o encargado de presentar a nova plataforma de estatística forestal, enfocada a que "cada cidadán poida crear o seu propio informe estatístico mediante unha plataforma dixital", asegurou. A través dunha ferramenta de business intelligence, calquera cidadán poderá coñecer os principais indicadores que definen o monte galego dentro dun mesmo concello.

Finalmente, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, foi o encargado de dar peche á xornada, onde aproveitou a súa intervención para adiantar os proxectos nos que se está a traballar actualmente, como o Sistema Rexistral Forestal de Galicia, un proxecto que abranguerá información cartográfica dos montes veciñais, montes públicos, montes ordenados, das agrupacións forestais ou dos silvicultores activos de Galicia.

Así mesmo, o director tamén adiantou que xa se está a probar un sistema de control automático de detección de cortas de madeira cos datos recibidos semanalmente polo satélite Sentinel-2. Polo momento estase a probar nunha área piloto e ten previsto integrarse nun futuro no sistema de xestión das cortas de madeira.
 

Departamento:
C. do Medio Rural