A Xunta inaugurará o vindeiro 29 de xuño en Vigo o albergue de peregrinos Juan Manuel López-Chaves

O aloxamento do Berbés, cunha inversión de 1,6 millóns de euros, permitirá acoller a 93 persoas nun edificio de seis plantas dando resposta á demanda de peregrinos

A delegada territorial, Marta Fernández-Tapias, sinala que “en Vigo seguimos preparándonos para aproveitar a oportunidade que supón este dobre Xacobeo”

Insiste nos beneficios que reporta o Camiño ás economías locais e reitéralle ao alcalde a necesidade de sinalizar a ruta xacobea ao seu paso pola cidade
 

Vigo, 16 de xuño de 2021

A Xunta de Galicia inaugurará o vindeiro 29 de xuño o primeiro albergue da rede pública do Camiño Portugués da Costa, tal e como anunciou hoxe a delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias. O novo aloxamento que se erixe na fachada marítima do Berbés en Vigo, e que recordou levará o nome de Juan Manuel López-Chaves, está xa listo para acoller peregrinos tras terminar os traballos de acondicionamento e retirar todos os elemento de obra, incluído o cartel.

A representante autonómica lembrou o compromiso do Executivo galego para que a cidade contase co albergue de peregrinos que se merece e no que investiu 1,6 millóns de euros. Neste sentido, Fernández-Tapias lamentou que o alcalde siga impedindo a sinalización do Camiño Portugués da Costa ao seu paso polo termino municipal, máis aínda nunha época de reactivación na que é tan necesario o turismo como motor económico e de emprego.

Amosou así a preocupación da Xunta polas críticas do Goberno local a todo o que teña que ver co Xacobeo e abundou no feito de sexa a única cidade de Europa sen sinalizar. Así, tras aludir aos beneficios que reporta o Camiño ás economías locais, máis aínda cando coménzase a albiscar a recuperación de peregrinos nas rutas de xacobeas cun notable incremento xa neste mes de xuño, a delegada incidiu en que “aínda co alcalde de costas en Vigo seguimos preparándonos para aproveitar a oportunidade que suporá este dobre Ano Santo que se estenderá ata o 2022”.

O aloxamento do Berbés permitirá así acoller a 93 persoas nun edificio de seis plantas cunhas instalacións accesibles para dar resposta á demanda de aloxamento. “Unha nova infraestrutura coa que a Xunta contribúe a transformar a cidade e, nomeadamente, a mellorar a experiencia xacobea”, concluíu Fernández-Tapias.