A Xunta defenda a importancia de promover a sustentabilidade e a dixitalización do sector mar-industria a través de innovación

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá na inauguración do 9º Workshop Internacional en Tecnoloxía Mariña (Martech) organizado pola Universidade de Vigo

Subliñou a oportunidade deste congreso para Galicia, que aborda a investigación de vangarda en varios campos da tecnoloxía mariña
 

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2021

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá por videoconferencia na inauguración do 9º Workshop Internacional en Tecnoloxía Mariña (Martech) coordinado nesta edición pola Universidade de Vigo. Durante a súa intervención, defendeu a importancia de promover a sustentabilidade e a dixitalización do sector mar-industria a través da innovación.

A directora de Gain destacou a oportunidade que supón a coordinación deste congreso desde Galicia, un evento internacional de referencia na difusión da investigación en tecnoloxía mariña para compartir información e abordar distintos puntos de vista sobre a investigación de vangarda en varios campos deste ámbito.

Argerey destacou o peso do sector mar-industria na nosa Comunidade, que engloba entre outros o ámbito pesqueiro, a acuicultura, a industria da conserva ou a industria naval, e que xa fora identificado como prioritario na anterior Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3). En concreto, a valorización dos recursos do mar a través da modernización dos sectores primarios grazas á innovación; a modernización da acuicultura para xerar novos produtos e servizos de base tecnolóxica, principalmente a través da aplicación do coñecemento en biotecnoloxía e das TIC; e o incremento da competitividade das industrias tractoras galegas, a través do aumento da intensidade tecnolóxica, a diversificación, a especialización e a innovación en procesos e produtos, son tres das liñas estratéxicas da RIS3 de Galicia.

Nun contexto no que se está abordando a definición da futura Estratexia 2021-2027 a través dun proceso participativo, a sustentabilidade ambiental e a mellora dos procesos e produtos a través da dixitalización e introdución de tecnoloxías avanzadas foron identificados como liñas clave nas políticas de innovación asociadas ao sector para incrementar a súa competitividade. Dúas liñas que están directamente relacionadas cos contidos deste foro, polo que a Xunta de Galicia potenciará e impulsará aínda máis ambas as dúas liñas no novo período.

A Axencia Galega de Innovación está celebrando actualmente as mesas de traballo dentro do Proceso de Descubrimento Emprendedor para identificar prioridades na elaboración da vindeira RIS3 para Galicia.

Por agora, téñense realizado as mesas de recursos endóxenos vinculados ao mar; fabricación avanzada e industrias do futuro; saúde, calidade de vida e envellecemento; de cadeas de valor sostibles, circulares e innovadoras; con máis de 100 participantes entre empresas, universidades e centros de investigación.