A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou as escolas infantís Golfiños e Xoaniñas de Noia

O DOG publica mañá a nova orde do bono concilia, que a Xunta incrementa este ano nun 10% en todos os seus tramos

Trátase dunha axuda directa para as familias cuxo primeiro fillo non obtivo praza nun centro público

O investimento total desta convocatoria será de 2 millóns de euros, ampliables, para atender a todo o mundo que o pida e cumpra os requisitos
 

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou durante unha visita a dúas escolas infantís de Noia, que realizou esta mañá xunto ao alcalde do concello, Santiago Freire Abeijón, que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará mañá a nova convocatoria do Bono Concilia. Esta axuda directa, dirixida a familias que non obtiveron praza nun centro público, experimentará este ano un incremento do 10% en todos os seus tramos.

Fabiola García sinalou que a partir deste mesmo venres as nais e pais xa poden solicitar este bono, que contará cun investimento total de 2 millóns de euros, ampliables, para atender a todo o mundo que o pida e cumpra os requisitos. Deste xeito, para un neno que vaia á escola a xornada completa con comedor, o Bono oscilará entre os 50 euros e os 275 euros ao mes.

Para solicitar esta axuda débese ter pedido antes unha praza pública, e que ou ben fose denegada ou ben non se axuste ás necesidades de horario das familias. Esta axuda é compatible con outras destinadas tamén a pagar este servizo, sempre que non se supere o custo da praza.

No curso 2020/2021 máis de 1400 familias beneficiáronse deste bono. Desde o 2009 foron preto 23.000 os nenos que levan desfrutado desta axuda para o pago dunha praza nunha escola infantil.

Axuda para primeiros fillos

Esta prestación beneficia na actualidade só aos primeiros fillos, xa que desde o mes de abril do ano pasado todos aqueles segundos fillos e sucesivos teñen o 100% da atención educativa gratis en calquera escola infantil, tanto pública como privada ou de iniciativa social.
 

Imaxes relacionadas