A Xunta invita a todas as galegas e galegos a coñecer a realidade dos menores tutelados

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou na presentación da campaña de Igaxes "Non nos xulgues" para desestigmatizar os nenos e mozos que viven baixo o sistema da protección da Xunta

En Galicia hai case 2.000 menores de idade tutelados polo Goberno galego e máis de 1.200 en garda

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2021

A Xunta de Galicia invita a todas as galegas e galegos a coñecer a realidade dos menores tutelados. O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou onte, xunto ao director da entidade, Carlos Rosón, e unha das participantes no programa Mentor, Monse Sánchez, na presentación da campaña "Non nos xulgues", elaborada por Igaxes para eliminar os prexuízos e o estigma que sofren os nenos e rapaces que se atopan baixo o sistema de protección da Administración autonómica.

Durante o acto, que tivo lugar nunha das vivendas tuteladas que a Xunta ten repartidas polas catro provincias, o director xeral lembrou que estes menores son “cidadáns de pleno dereito, cos mesmos deberes e obrigas que o resto das galegas e galegos, pero tamén merecentes das mesmas oportunidades”.

Precisamente para garantir esta igualdade, o Goberno galego puxo en marcha en 1998 o programa Mentor, que conta cun orzamento anual de máis de 1,7 millóns de euros e que o ano pasado traballou con máis de 560 menores en toda Galicia de entre 16 e 21 anos. Medidas como esta converten a Galicia nunha das comunidades autónomas cun sistema de transición á vida adulta máis avanzado de España.

Máis de 2.500 menores

Trátase dalgúns dos preto de 2.000 menores que están tutelados pola Administración autonómica e os máis de 1.200 que ten en garda. Do total de rapaces e nenos baixo protección da Xunta de Galicia, máis de 1.300 permanecen acollidos en familias e outros máis de 1.200 están en centros residenciais, segundo detallou Jacobo Rey, a cuxos coidadores agradeceu a profesionalidade e o esforzo que empregan no seu coidado.

A campaña busca amosar á sociedade galega a realidade dos menores que se atopan baixo o sistema de protección da Xunta, que con frecuencia deben enfrontarse a xuízos derivados dun descoñecemento sobre o sistema de protección autonómico. Trátase de nenos e rapaces que, unha vez chegan á maioría de idade se ven obrigados a asumir responsabilidades que, no caso dos mozos que contan cun apoio familiar, se retrasan varios anos.

Imaxes relacionadas