Conde destaca o esforzo do tecido produtivo galego, con máis de 12 empresas creadas ao día en 2021

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, interveu hoxe nun encontro sobre os retos económicos xurdidos da crise da covid-19, con motivo da celebración do pleno da Cámara de Comercio da Coruña

A Xunta puxo a disposición dos sectores máis afectados un total de 560M€ en axudas directas nos últimos seis meses

A Cidade das TIC é un exemplo do compromiso que a candidatura galega aos fondos Next Generation ten coas pemes e coa transferencia de coñecemento ao tecido produtivo

A Coruña, 16 de xuño de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe nun encontro realizado con motivo da celebración do pleno da Cámara de Comercio da Coruña, no que se abordaron os retos económicos xurdidos coa crise da covid-19. Na súa intervención destacou o esforzo que está realizando o tecido empresarial galego. Neste sentido, preto da metade das empresas creadas en Galicia ata o mes de maio (1846, máis de 12 ao día) pertencen á provincia da Coruña, que suma 803 novos proxectos con 40M€ de capital.
“Quixera agradecer o esforzo realizado polo tecido produtivo coruñés durante estes meses para manter a actividade económica no contexto actual. Agora, as empresas teñen que asumir o liderado para que a reactivación chegue a todos en termos de emprego e de recuperación económica”, asegurou Conde quen apostou por seguir colaborando coa Cámara de Comercio da Coruña para afrontar os novos retos.
Conde explicou que a pandemia interrompeu a senda de crecemento que Galicia estaba rexistrando e que, desde entón, todos os esforzos da Administración autonómica se están centrando en facer de Galicia un destino seguro, sostible e de calidade para o que se está realizando un labor de acompañamento ás empresas co obxectivo de impulsar a reactivación da actividade económica. Así, nos últimos seis meses, puxéronse a disposición do tecido empresarial un total de 560M€ en axudas directas, tanto a través dos tres Plans de Rescate activados, como con liñas de axudas específicas para os sectores más afectados como o da hostalería, ocio nocturno, axencias de viaxe ou comercio.
O vicepresidente económico tamén incidiu na importancia de apostar pola dixitalización empresarial. Neste sentido, pemes e autónomos poden acollerse durante o mes de xuño a distintas ordes de axudas que suman 17M€, entre os que se encontran cursos formativos en materia de dixitalización ou Galicia Exporta Dixital.
Desde a Xunta tamén se está apostando por unha candidatura aos fondos europeos Next Generation que permita aproveitar as oportunidades que ofrecen para abordar non só a transformación dixital, senón tamén a transición ecolóxica, co foco posto nas pemes.
O proxecto da Cidade das TIC é un exemplo do compromiso desta candidatura por implicar ás pemes, xa que está concibido como un polo de innovación tecnolóxica ao servizo do crecemento económico e social de Galicia. Actuará como punto de encontro desde o que transferir ao tecido produtivo galego todo o coñecemento e últimos avances neste eido.

Imaxes relacionadas