A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou a nova área de rehabilitación integral de San Roque

A convocatoria de axudas ás ARI municipais prevé este ano un orzamento de ata 10,2 M€, ao que xa poden optar as catro novas declaradas en Vigo

Ángeles Vázquez salienta que o DOG publica hoxe a resolución para que 44 concellos galegos poidan solicitar fondos para a execución de proxectos de rehabilitación nas 75 áreas declaradas na Comunidade

Lembra que desde a posta en marcha deste programa mobilizáronse 185 millóns de euros para recuperar ao redor de 18.500 vivendas en Galicia

As novas ARI de Vigo declaradas—San Roque, Espiñeiro-Teis, Beiramar e San Pablo— súmanse ás catro existentes, onde ao longo dos últimos anos se rehabilitaron máis de 1.400 inmobles grazas ao investimento de máis de 8 M€

Vigo, 16 de xuño de 2021

A Xunta de Galicia abre unha nova convocatoria de axudas ás áreas de rehabilitación integral (ARI), que este ano prevé un orzamento de ata 10,2 millóns de euros.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución pola que se regula o procedemento para participar no programa de rexeneración e renovación urbana e rural, cunha contía de 5,4 millóns de euros, un orzamento que poderá ampliarse en 4,8 millóns de euros máis, se se rexistran solicitudes por parte dos concellos que superen o crédito inicial.

Así o anunciou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita esta mañá á área de rehabilitación integral de San Roque, unha das catro novas áreas declaradas en Vigo, xunto coa de Espiñeiro-Teis, Beiramar e San Pablo —ademais da primeira de Ponteareas—. As cinco, segundo salientou, xa se poden beneficiar destes incentivos.

Nese sentido, a conselleira animou aos 44 concellos que teñen unha área declarada a participar e presentar proxectos para a rehabilitación de inmobles nas 75 ARI municipais que acumula Galicia.

O importe máximo da axuda que poden percibir os propietarios é de 24.000 euros por vivenda, sen que poida superar o 50% do orzamento, aínda que poderá chegar ao 85% no caso de persoas con ingresos inferiores a tres veces o IPREM e tamén cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade e se acredite que na unidade de convivencia existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 años.

Segundo sinalou Ángeles Vázquez, trátase de axudas compatibles coas do programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes convocadas polo IGVS.

Ademais, os concellos poderán recibir tamén subvencións para actuacións de urbanización e reurbanización de espazos públicos no ámbito da ARI, sempre supeditadas á rehabilitación dos inmobles e cun importe de ata 2.000 euros por cada un recuperado. E a isto hai que sumar que a Administración local recibirá financiamento para a oficina municipal de rehabilitación —1.500 € por vivenda—.

Así, Ángeles Vázquez indicou que o obxectivo da Xunta é executar o 100% do orzamento que prevé a nova convocatoria, polo que invitou aos concellos a divulgar este programa entre os posibles beneficiarios, os veciños das ARI. As solicitudes poderanse presentar no prazo dun mes a partir de mañá.

A Administración autonómica, segundo destacou, vén facendo nos últimos anos un importante esforzo en materia de rehabilitación. Cómpre lembrar que desde a posta en marcha deste programa xa se mobilizaron 185 millóns de euros para recuperar ao redor de 18.500 vivendas.

A isto hai que sumar o importe destinado ás oficinas de rehabilitación, que nos últimos catro anos recibiron 5,14 millóns e onde traballan máis de 120 persoas.

Vigo, concello pontevedrés con máis ARI

Por outra banda, a conselleira subliñou que as catro novas áreas de rehabilitación de Vigo se suman ás xa declaradas anteriormente —Conxunto histórico, Bouzas, Santa Clara e rúas Bueu-Moaña—, polo que cun total de oito xa é o concello da provincia de Pontevedra co maior número de ARI e o segundo de Galicia, por detrás da Coruña, que ten dez.

Ángeles Vázquez engadiu que nas catro ARI que xa estaban declaradas na cidade recuperáronse desde ao longo dos últimos anos máis de 1.400 vivendas grazas ao investimento de máis de 8 millóns de euros. A previsión de actuación nestes ámbitos é seguir recuperando outras 641 vivendas con fondos pendentes de executar xa asinados, que suman un importe de máis de 4 millóns de euros.

En relación coas estimacións de investimento e actuacións nas catro ARI declaradas onte, o inventario sinala que son máis de 800 os posibles inmobles sobre os que actuar; polo que, tendo en conta o importe de axuda máxima —tanto para as vivendas coma para os proxectos de urbanización dos espazos públicos—, calcúlase que se poderán investir preto de 21 millóns de euros.

Así mesmo, a Xunta tamén traballa na rehabilitación do Casco Vello a través do Consorcio, no que o IGVS participa co 90% do capital e unha achega anual de 400.000 euros para novas actuacións. Ata o momento, o Consorcio leva rehabilitados 111 inmobles nesta zona.

En canto á ARI de Ponteareas declarada onte, a primeira do concello, abrangue parte do ámbito urbano municipal, incluído o casco vello, que na actualidade se atopa moi degradado e ten moitos inmobles desocupados. A intención neste municipio é promover a recuperación de máis de medio milleiro de vivendas.

Rehabilitación nas tres ARI supramunicipais

Por último, a conselleira lembrou que a Xunta xestiona directamente as tres áreas de rehabilitación integral de carácter supramunicipal que están declaradas na Comunidade galega: a ARI do Camiño de Santiago —126 concellos, un deles Vigo—, a da Ribeira Sacra —25— e a do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia —4—.

Neste caso, o prazo de solicitude de axudas abriuse en marzo e estará aberto ata o vindeiro 30 de setembro. Os solicitantes poderán recibir ata 24.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación e sumar outros 1.000 euros sempre e cando se adapten á Guía de cores e materiais. Asemade, cando o beneficiario sexa menor de 35 anos e resida nun concello de menos de 5.000 habitantes, o importe da axuda incrementarase nun 25%.

Imaxes relacionadas