A Xunta apoia ao concello de Vilasantar na creación dun novo parque infantil para reforzar a oferta de lecer do municipio

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou a nova área de xogo que permite concentrar varias actividades para os máis pequenos no mesmo entorno xunto coa piscina municipal e a pista polideportiva

O Goberno galego investiu máis de 22.800 ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público para adecuar o terreo, instalar o chan e instalar varios elementos de xogo neste espazo
 

Vilasantar (A Coruña), 16 de xuño de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe o novo parque infantil situado no entorno da pista multideporte da Fraga, no concello coruñés de Vilasantar. A Xunta destinou a este proxecto máis de 22.800 euros ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público, a liña de axudas anual do Goberno galego para a creación e a mellora das instalacións destinadas á prestación de servizos municipais, á que neste exercicio dedica un orzamento de 4 millóns de euros.
Natalia Prieto sinalou que este proxecto permite renovar as infraestruturas municipais para mellorar as condicións de vida da veciñanza. Así, o concello conta cun novo espazo de lecer onde xuntar a cidadáns de distintas idades, o que contribúe ademais a reforzar os servizos do municipio e fixar poboación.

Deste xeito, nun concello rural con núcleos dispersos como Vilasantar, esta iniciativa na que colaboran a Xunta e o municipio, concentrou varias actividades para os máis pequenos nun mesmo entorno que conta coa piscina municipal, unha pista polideportiva e este novo parque infantil.

No marco da colaboración entre a Administración autonómica e a local en actuacións que redunden no benestar da cidadanía, a Xunta apoiou neste caso a construción do novo parque. As obras supuxeron o acondicionamento do terreo para acoller a infraestrutura, a colocación do pavimento acorde coa contorna, a instalación de varios elementos de xogo –tirolina, estrutura de torres con rocodromo, rede de trepa e tobogán, un columpio mixto e dous balancíns-, ademais da súa sinalización.

Nos últimos anos a Xunta leva investidos case 483.000 euros no concello de Vilasantar, tanto na mellora das súas infraestruturas coa pavimentación de rúas ou a creación de áreas de xogos como a da Fraga, como con outras actuacións ambientais financiadas ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental, relacionadas por exemplo coa mellora do alumeado público en distintos núcleos do municipio.
 

Imaxes relacionadas