A Xunta e Datalife avalían o desenvolvemento deste Hub de innovación dixital

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta mañá unha reunión co Hub de innovación dixital DATAlife co obxectivo de avanzar no desenvolvemento desta iniciativa centrada nos sectores primario, biotecnolóxico e da saúde que ten como obxectivo facer de Galicia unha biorrexión de referencia en Europa. Conta con 16 socios -Anfaco-Cecopesca, Bioga, Cesga, Cetim, Clúster de Acuicultura, Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, Clúster Saúde de Galicia, Clúster TIC, EnergyLab, Feuga, Finsa, Gradiant, Televés, Zendal e Universidades de Santiago e de Vigo- e traballa por facilitar a incorporación de tecnoloxías ás pemes galegas relacionadas coa intelixencia artificial, big data, internet das cousas, computación de altas prestacións ou ciberseguridade.
Conde trasladou que a Xunta está comprometida coa consolidación dos Hubs de innovación dixital, un instrumento de colaboración público-privada fundamental para artellar a I+D+i nas pemes a través do que se pretende estender o impacto positivo da innovación a todo o tecido e converter Galicia nun referente tecnolóxico naquelas áreas con potencial. De feito, xa se levan destinado 28,8M€ desde 2019 á Estratexia dos Hubs de Innovación Dixital con medidas para promover a súa carteira de servizos e a súa actividade. Destaca, por exemplo, a próxima convocatoria de Conecta Covid, que destinará 4M€ para avanzar en proxectos de I+D empresarial relacionados coa covid-19 e que contará coa colaboración dos hubs á hora de axustar os apoios ás necesidades reais do tecido galego.

Imaxes relacionadas