Lete destaca a mellora do complexo de a Fieteira como un fito do “deporte de alta competición, base e adaptado” de Ribeira e de toda Galicia

Un dos puntos destacados desta actuación será a construción dun módulo cuberto homologado para as probas de velocidade, saltos e lanzamentos

Ademais, a placa interior da obra albergará na súa parte inferior o almacén, dous vestiarios e ximnasio e na súa parte superior, nun espazo duns 300 metros cadrados, un módulo de taekwondo con tres tatamis
 

Ribeira (A Coruña), 15 de xuño de 2021

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou esta mañá o complexo deportivo de A Fieteira onde asinou co alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, o convenio de colaboración convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e o Concello de Ribeira para acometer a execución das obras de ampliación e mellora do complexo deportivo de A Fieiteira cun investimento de máis dun millón de euros (1.039.982,53 euros). En total, como saben, a Secretaría Xeral para o Deporte achegará a totalidade de 600.000 euros (500.000 euros na presente anualidade e 100.000 en 2022) mentres que o Concello de Ribeira contribuirá coa cantidade restante. O mandatario galego destacou a obra que se levará a cabo no concello do Barbanza como un fito do “deporte de alta competición, do deporte de base e do deporte adaptado como demostran os fitos acadados polos deportistas ribeirenses”.
Neste sentido, lembrou a evolución do proxecto de ampliación e mellora da infraestructura lembrando algúns dos éxitos más importantes dos deportistas de Ribeira. En primeira instancia sinalou o campionato europeo júnior e o subcampionato europeo absoluto de taekwondo acadado a finais do 2018 en Turquía polo Natural Sport Videlgi; en segundo lugar mencionou a medalla de ouro acadada por Ana Peleteiro en triplo salto no Campionato de Europa de Atletismo en pista cuberta en Glasgow no mes de marzo de 2019; e en terceiro lugar destacou o cuarto campionato de Europa do parataekwondista Álex Vidal colleitado en Italia en novembro de 2019. Precisamente, nese mesmo mes de novembro de 2019, entregáronse os Premios Deporte Galego 2018 en Lalín, recoñecendo a Ana Peleteiro como a mellor deportista galega e foi aí cando se comezou a fraguar a reforma do complexo deportivo de A Fieteira.
O complexo deportivo de A Fieteira conta na actualidade cunha pista atletismo aire libre, dous campos de fútbol, piscina, polideportivo, ximnasio e mesmo unha pista pump track. Un dos puntos destacados desta actuación será a construción dun módulo cuberto homologado para as probas de velocidade, saltos e lanzamentos. Contará tamén con cabina para foto finish e terá un espazo de actuación duns 1.900 metros cadrados. Este novo pulo do Goberno galego polo atletismo súmase á construción da mellor pista cuberta de atletismo de España en Ourense, doutro módulo de atletismo no IFEVI de Vigo e da continua aposta pola remodelación das pistas de Balaídos.
Ademais, a placa interior da obra albergará na súa parte inferior o almacén, dous vestiarios e ximnasio e na súa parte superior, nun espazo duns 300 metros cadrados, un módulo de taekwondo con tres tatamis.
A Secretaría Xeral para o Deporte afianza así o seu compromiso coas infraestruturas deportivas. Dos 32.474.216 euros cos que conta en 2021 (un 28,5% máis que en 2020), 9,15 millóns serán destinados a obras de creación e reforma de infraestrutura deportiva, un 118% máis que en 2020 cando se destinou ao mesmo obxecto 4,2 millóns de euros.
 

Imaxes relacionadas