A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informou que as empresas teñen ata o 15 de xullo para presentar ofertas e o obxectivo é iniciar a obra no 1º trimestre do 2022

A Xunta licita as obras para implantar tratamento biolóxico na depuradora de Vilaboa cun investimento autonómico de 720.000 euros

Vázquez Mourelle salienta que a dotación do tratamento secundario na depuradora pretende cumprir os parámetros das directivas europeas en relación co tratamento da materia orgánica vertida

Lembra que a depuradora de Vilaboa é unha instalación municipal, en cuxa xestión a Xunta leva destinados 2,2 M€, para apoiar ao municipio nas súas competencias de xestión da auga

Enmarca a actuación no traballo polo saneamento da ría de Vigo, onde o Goberno galego xa investiu 80M€ na depuradora de Lagares, e onde segue a avanzar coa redacción do proxecto da nova EDAR de Arcade

Vilaboa (Pontevedra), 15 de xuño de 2021

. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou a licitación hoxe das obras para implantar tratamento biolóxico na depuradora de Vilaboa, que suporán un investimento autonómico de 720.000€.
Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou hoxe as instalacións de tratamento de augas residuais deste municipio pontevedrés, onde presentou a actuación.
Ethel Vázquez apuntou que a actuación que a Xunta vai levar a cabo na depuradora de augas residuais de Vilaboa persegue seguir avanzando no saneamento integral desta ría, con novas intervencións que permitan cumprir e adaptarse ás directivas europeas en materia de augas.
Lembrou que a Xunta explota desde o ano 2005 a depuradora municipal, o que supón unha inxente axuda ao Concello, tanto desde o punto de vista técnico como, sobre todo, económico, xa que só no seu mantemento e explotación lévanse investidos 2,2 M€.
Concretou que a Xunta mellorará a depuradora, que só conta con tratamento primario físico-químico, dotándoa dun tratamento secundario, biolóxico, que permita cumprir a normativa comunitaria no relativo aos parámetros de materia orgánica vertida tras a depuración.
Vázquez Mourelle puxo en valor a mellora que suporá esta actuación no proceso de depuración, xa que o tratamento biolóxico consigue maior eliminación de materia orgánica e do nitróxeno contido na auga residual.
Ademais, acometeranse outras intervencións, como control de olores, mediante unha axeitada desodorización ou cambios e actualización de equipos para adaptarse á normativa. Tamén se incorpora un sistema de monitorización enerxética, para ter un maior control do consumo eléctrico da planta; ou o cambio do panel sándwich da cuberta. A actuación será financiada no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da covid-19.
Ethel Vázquez precisou que as empresas interesadas en realizar estes traballos teñen ata o vindeiro día 15 de xullo para presentar as súas ofertas e, a partir desa data, continuarase cos trámites administrativos necesarios co obxectivo de iniciar as obras no 1º trimestre de 2022 e rematalas nese mesmo ano, xa que teñen un prazo de execución de 5 meses.
A conselleira apuntou que estas obras non son a única actuación que está a executar a Xunta para a mellora do saneamento e que beneficia aos veciños de Vilaboa, xa que o municipio verte a outras 2 depuradoras, a dos Praceres e a de Arcade. A este respecto, apuntou ás melloras que se están a levar a cabo na EDAR dos Praceres, como son a mellora da depuradora, xa executada ao 40%, e o novo emisario submarino, cun investimento conxunto de 28 M€.
A conselleira sinalou que estas obras enmárcanse no traballo do Goberno galego en apoio aos concellos nas súas competencias municipais de saneamento e depuración, e para avanzar no saneamento integral das rías. Así, cifrou o investido pola Xunta na última década en máis de 1.100 M€ para cumprir coas directivas europeas en materia de augas, dos cales a metade, máis de 500 M€, se dedicaron á mellora do saneamento de aglomeracións situadas en torno ás rías.
Tamén puxo en valor o traballo e os recursos destinados pola Xunta a sanear a ría de Vigo e a achega autonómica de 80 M€ para colaborar coa Administración estatal na nova depuradora de Lagares, a obra hidráulica que supuxo o maior investimento autonómico, remarcou.
Tamén para avanzar no saneamento da ría, avanzou que a Xunta está a redactar o proxecto para executar unha nova depuradora en Arcade, que suporá un investimento de 2 M€. Para esta última actuación, apuntou, precísase da colaboración dos concellos de Soutomaior, coa posta á disposición dos terreos, e tamén de Vilaboa e Pontevedra, xa que estes 2 concellos verten as súas augas nesa EDAR.

Imaxes relacionadas