A Xunta apoiará actuacións de eficiencia enerxética nas explotacións agropecuarias de Galicia que mobilizarán 9,4M€

O prazo de solicitude desta convocatoria, de concorrencia non competitiva, estará aberto do 22 de xuño ao 31 de decembro

Destínanse 1,67M€ procedentes do Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética e agárdase apoiar 60 proxectos que permitirán aforros económicos de máis de 600.000 euros anuais

Complementa a orde de axudas de iniciativas de eficiencia enerxética e enerxías renovables no sector agrícola primario que, tras a aprobación para ampliar o crédito, impulsará 420 proxectos

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria das axudas para a realización de actuacións de eficiencia enerxética en explotacións agropecuarias para as que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación conta cun total de 1,67M€ procedentes do Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética.
O obxectivo é apoiar a implantación de tecnoloxía eficiente nas explotacións agropecuarias que reduza o consumo inicial en polo menos un 10%. As axudas, de concorrencia non competitiva, poden destinarse á mellora da eficiencia enerxética das instalacións de regadío –substitución de grupo de bombeo por outros máis eficientes desde o punto de vista enerxético; implantación de variadores de frecuencia e arrancadores estáticos; implantación ou modernización de sistemas de regulación, control e monitoraxe da rede de rega; ou instalación e substitución de baterías de condensadores nas estacións de bombeo, por exemplo–. Agárdase apoiar ao redor de 60 actuacións.
Tamén se poden utilizar para a mellora enerxética e uso de enerxías renovables nas explotacións, como por exemplo actuacións sobre a envolvente térmica; nas instalacións térmicas de calefacción, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria; substitución da enerxía convencional en instalacións térmicas por enerxías renovables térmicas; ou a reforma ou substitución de instalación de iluminación interior e exterior, entre outras.
As axudas, abertas do 22 de xuño ao 31 de decembro, están dirixidas tanto ás persoas físicas como xurídicas titulares dunha explotación gandeira; ás comunidades de regadores e outras organizacións; aos titulares de explotacións agrícolas de regadío; organizacións ou asociacións de produtores agrícolas; comunidades de enerxías renovables e comunidades cidadás de enerxía; así como empresas de servizos enerxéticos.
Con esta nova liña de axudas, a Xunta agarda unha mobilización de 9,4M€, aforros económicos de 0,63M€ anuais e enerxéticos de 650.000 litros de gasóleo (6.600 MWh/ano). Promoverase unha redución de CO2 equivalente a plantar 88.000 árbores e permitirá crear ou manter 76 postos de traballo.
Estes apoios súmanse á orde de axudas, xa pechada, para proxectos de enerxías renovables e eficiencia enerxética no sector agrícola primario á que a Xunta destina 3,7M€ tras aprobar unha ampliación que permitirá atender un maior número de solicitudes. En concreto, un total de 420 proxectos.
Deste xeito, o Goberno galego, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) pretende seguir fomentando os investimentos en proxectos de aforro enerxético no sector agropecuario, así como impulsar o uso de enerxías renovables. Así, redúcense os custos enerxéticos mellorando a competitividade deste tipo de explotacións á vez que diminúe o consumo de enerxías convencionais, o que aumenta a eficiencia enerxética e a mellora medioambiental das áreas rurais. Tamén se contribúe á revitalización do ámbito rural e do sector agrícola primario, un dos seus principais motores económicos.

Imaxes relacionadas