A conselleira de Política Social inaugurou esta mañá a xornada de profesionais de atención temperá de Galicia celebrada na Cidade da Cultura

Fabiola García anuncia que Galicia desenvolverá un plan pioneiro de formación para profesionais de atención temperá

O Goberno galego incrementou as unidades de atención ao pasar das dúas existentes no ano 2009 ata as 39 que existen na actualidade

Os Concellos atendidos pasaron dos 14 no ano 2009 aos 168, a metade do territorio galego e os nenos atendidos tamén se incrementaron ao pasar de 160, a máis de 1740

Sinala que a Xunta seguirá apostando por este servizo que ten demostrado ser imprescindible para as familias con nenas e nenos con trastorno do desenvolvemento

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou que Galicia desenvolverá un plan pioneiro de formación para profesionais de atención temperá. Trátase dun documento que permitirá deseñar un modelo de calidade e unificar os métodos de coidados, ao que se referiu esta mañá durante a inauguración das xornadas de profesionais de atención temperá de Galicia celebrada na Cidade da Cultura.
A conselleira sinalou que este novo plan avanzará na mellora deste servizo que durante os últimos anos se converteu en imprescindible para centos de familias con nenas e nenos con trastorno do desenvolvemento. Neste sentido, apuntou que a colaboración con entidades como a Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT) e os Concellos permitiu multiplicar por 10 a extensión deste servizo.
En concreto, detallou que se no ano 2009 había en funcionamento tan só dúas unidades de atención temperá en Galicia, que cubrían 14 concellos e atendían a 160 nenos. Na actualidade, existen 39 unidades en funcionamento que abarcan 168 concellos e atenden a 1740 nenas e nenos. Polo tanto, “20 veces máis unidades, 10 veces máis nenos atendidos e un nivel de cobertura que supera a metade do territorio galego”, aseverou.

Dúas mesas expositivas

Fabiola García asegurou que estas xornadas permitirán mellorar e reforzar aqueles puntos que quedan por mellorar. Durante o acto que se desenvolverá esta mañá na Cidade da Cultura, os profesionais da atención temperá poderán debater sobre como mellorar a colaboración entre as familias ou sobre como este servizo axuda a crear unha identidade a través de dúas mesas expositivas.

Imaxes relacionadas