A Xunta solicítalle ao Concello de Foz a documentación municipal para impulsar a execución da nova EDAR, unha vez emitida a declaración de impacto ambiental

A Xunta trata de axilizar a licitación da redacción do proxecto construtivo e a execución das obras da depuradora de augas residuais, que suporá un investimento de máis de 12,2M€

A entidade local debe aprobar o proxecto en Pleno, pór os terreos á disposición e asumir o compromiso de recepción e explotación das actuacións

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2021.-

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, solicitoulle hoxe ao Concello de Foz a documentación necesaria para impulsar a nova depuradora municipal, unha vez emitida a declaración de impacto ambiental das actuacións proxectadas pola entidade hidráulica da Xunta.
Deste xeito, unha vez se dispón do citado informe, a Xunta trata de axilizar a licitación da redacción do proxecto construtivo e a execución das obras da nova depuradora de Foz, para o que é preciso o cumprimento por parte do Concello da súa parte de tramitación no impulso destas actuacións.

Así, a Xunta solicítalle á entidade local o avance nos trámites da súa responsabilidade, é dicir, aprobar o proxecto en Pleno, pór os terreos á disposición e asumir o compromiso de recepción e explotación das actuacións.

Cómpre lembrar que no marco do convenio de colaboración asinado co Concello para a execución de actuacións de saneamento e depuración de Foz, Augas de Galicia redactou o anteproxecto de conducións xerais e nova estación depuradora de augas residuais de Foz, que suporá un investimento estimado que superará os 12,2 millóns de euros.