O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade presenta o Plan anual de Formación do Profesorado 2021-22

A Xunta reforza a formación do profesorado de cara ao próximo curso centrada na transformación dixital, o benestar emocional, a igualdade e o desenvolvemento sostible

Román Rodríguez subliña a aposta polos retos de futuro, “con docentes dixitalmente competentes e dotados cos recursos necesarios para unha educación baseada na inclusión, na equidade e no benestar emocional”

O plan abrangue máis de 6.000 accións formativas co obxectivo de acadar os 40.000 docentes formados e certificados

Cada centro disporá dun Plan Dixital de Centro, para coñecer as fortalezas e debilidades e poder implementar as accións específicas máis axeitadas a cada caso

En canto ao balance do curso actual, incrementouse un 11% o número de actividades formativas con máis de 100.000 horas de formación e preto de 49.000 certificacións

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2021

O Goberno da Xunta reforzará a formación do profesorado de cara ao vindeiro curso 2021-22 cunha oferta centrada na transformación dixital, no benestar emocional e na educación para o desenvolvemento sostible, tal e como recolle o Plan Anual de Formación do Profesorado dirixido a todos os centros públicos que hoxe presentou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez.
O titular de Educación subliñou que a través destes liñas da formación docente, Galicia busca “seguir avanzando na actualización e perfeccionamento das competencias profesionais docentes” mantendo as accións centradas nas liñas xerais da Consellería e “redobrando esforzos en tres eixos que consideramos estratéxicos como é a transformación dixital, o benestar emocional e o compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 2030”. Así pois, ademais dos recursos formativos para dar resposta ao actual escenario de pandemia, o plan “vai máis aló, apostando polos retos de futuro como son a dixitalización, a necesidade de contar con profesorado dixitalmente competente e dotado dos recursos formativos precisos para levar a cabo unha educación baseada na inclusión, na equidade, e no benestar emocional e na mellora continua”, engadiu.


Transformación dixital

 

No que atinxe á transformación dixital como primeiro dos eixos prioritarios, o Plan céntrase na mellora das competencias dixitais dos docentes en todas as etapas e niveis educativos de xeito que “se favoreza a integración didáctica das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e o traballo colaborativo en rede”, especificou o conselleiro.

Neste apartado Román Rodríguez anunciou a elaboración do Plan Dixital de Centro, un documento de autoavaliación que deberán dispoñer o vindeiro ano todos os colexios e institutos co fin de coñecer as súas fortalezas e debilidades en materia de competencias dixitais, e que servirá de base para implementar as accións máis axeitadas a cada caso.

Así mesmo, en consonancia coa Estratexia dixital de Galicia 2030, tamén se vai facer especial fincapé na mellora das competencias STEM por parte do profesorado, co fin de asegurar o reto da Consellería de incorporar a Intelixencia Artificial a todos os niveis educativos.

Formación en convivencia, igualdade e inclusión

Xunto coa mellora da competencia dixital, o conselleiro subliñou que o plan “dedica unha atención preferente á formación en convivencia, inclusión e igualdade” mediante o reforzo da educación emocional. O obxectivo, segundo indicou, é “que os profesores dispoñan das ferramentas necesarias para atender ao alumnado máis vulnerable”, tendo en conta situacións que se viron agravadas polos efectos da pandemia. A través deste segundo gran eixo de actuación deseñaranse accións formativas neste ámbito dirixidas a equipos directivos, departamentos de orientación, familias e persoal docente de todas as etapas educativas.

Neste apartado tamén se inclúe o reforzo das competencias non adquiridas por este contexto, e que están enmarcadas no Plan Recupera presentado onte, como é desenvolvemento prioritario de accións orientadas á detección do alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo.

Así pois, o plan reforza as actividades formativas encamiñadas a lograr “escolas máis inclusivas, que se consoliden como espazos de comunicación, convivencia e coeducación”, abondou o conselleiro.

O terceiro dos tres eixos estratéxicos son as accións formativas centradas nos valores dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 da ONU, a través dunha nova liña que é a Educación para o desenvolvemento sostible á cidadanía global. “Con isto -explicou o conselleiro- búscase contribuír á concienciación da comunidade educativa cara os desafíos da actualidade, como son a eliminación das desigualdades, o cambiou climático ou a defensa do medio ambiente”.

A máis deste tres eixos estratéxicos, o Plan de Formación do Profesorado para o vindeiro curso seguirá atendendo con carácter prioritario a outras liñas xa consolidadas como son as competencias lingüísticas, a internacionalización dos centros a través do novo programa Erasmus+ 2021-2027, ao impulso da Formación Profesional ou a colectivos docentes específicos como son os equipos directivos, a inspección ou os docentes das ensinanzas de Réxime Especial.

O plan inclúe así mesmo unha ampliación da oferta formativa destinada ás familias a través das Escolas de Nais e Pais (ENAPAS) con dúas modalidades de formación, unha mediante pílulas de aprendizaxe mediante vídeos e infografías que aborden temáticas de interese ou a planificación de ciclos e charlas a través de videoconferencias.

Previsión vindeiro ano e balance curso actual

Co conxunto de accións deseñadas ao abeiro do Plan de Formación do Profesorado para o vindeiro curso, a Consellería estima acadar os 40.000 docentes formados e certificados nunha ou máis das 6.000 accións formativas e máis de 110.000 horas de formación previstas.

Canto ao balance do curso actual, leváronse a cabo arredor de 5.800 actividades formativas (11% máis que no curso anterior) a través de distintas modalidades (formación en centros, grupos de traballo, seminarios ou estadías), con máis de 100.000 horas de formación (15% máis), e que se traduciu en preto de 49.000 certificacións.

Neste caso o conselleiro destacou a “intensa actividade formativa en distintos formatos” que xerou a situación de pandemia, como é o caso dos cursos orientados á creación de contidos dixitais e audiovisuais, cursos específicos sobre o ensino mixto para os diferentes niveis educativos, ou actividades de formación centradas nas aulas virtuais e nas distintas ferramentas institucionais.
 

Imaxes relacionadas