A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 19,30 h de hoxe

Extinguido o lume de Folgoso do Courel, parroquia homónima, que afectou 185 hectáreas

Permanece controlado o incendio rexistrado en Salvaterra de Miño, parroquia de Uma, cunha superficie afectada provisional de 350 hectáreas


No lume de Salvaterra de Miño foi preciso activar a Situación 2 pola proximidade do lume ás casas, unha medida que quedou desactivada na mañá de onte
 

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2021

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 19,30 h. de hoxe.


Folgoso do Courel

Quedou extinguido ás 16,43 h. desta tarde o lume rexistrado no concello lucense de Folgoso do Courel, parroquia homónima, tras comezar ás 4,50 h. da madrugada do sábado. Segundo as últimas medicións, afectou unha superficie de 185 hectáreas. Delas, 145 ha son rasas e 40 arboradas. Para o control deste incendio mobilizáronse en total 1 técnico, 15 axentes, 47 brigadas, 20 motobombas, 1 pa, 9 avións e 2 helicópteros.


Salvaterra de Miño

Permanece controlado desde as 00,14 h. desta madrugada o lume rexistrado en Salvaterra de Miño, parroquia de Uma, tras iniciarse ás 21,51 h. do sábado e afectar tamén ás localidades veciñas de Mondariz e Covelo. Neste lume foi preciso decretar a Situación 2 pola proximidade do lume ao núcleo de Maceiras, en Salvaterra, e posteriormente aos núcleos de Mouriscados, Fontebalán e Crespos, xa en Mondariz. Grazas ao traballo dos servizos de extinción, a medida preventiva quedou suspendida na mañá de onte.
Segundo as últimas estimacións, este incendio forestal afecta unha superficie provisional de 350 hectáreas. Para o seu control téñense mobilizado ata o momento 2 técnicos, 15 axentes, 59 brigadas, 35 motobombas, 2 pas e 2 helicópteros.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Departamento:
C. do Medio Rural