A Xunta comeza as obras de acondicionamento e rehabilitación da ponte de Baio, en Zas, que suporán un investimento de 328.000 euros

Esta intervención na ponte sobre o río Grande, na estrada AC-552, ten como obxectivo mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade peonil, de xeito que se facilite a mobilidade entre ambas as ribeiras do río

A obra centrarase na ampliación da sección transversal mediante a execución dunha lousa de formigón armado, con voadizos en ambos os laterais

Para minimizar a afección ao tráfico, a execución das obras foi programada por fases, cun cronograma que xa foi trasladado aos Concellos de Zas e Vimianzo
 

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2021.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou hoxe as obras de acondicionamento e rehabilitación da Ponte de Baio, que suporán un investimento de 328.000 euros.

Esta intervención na ponte sobre o río Grande prevese que estea rematada entre finais de verán e comezos do outono.
A actuación acometerase na estrada AC-552, no treito entre o punto quilométrico 2+100 e o 3+000. Trátase de mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade peonil na ponte da estrada autonómica AC-552, de xeito que se facilite a mobilidade entre ambas as ribeiras do río Grande.

O proxecto porá en valor a propia estrutura da ponte e a súa contorna, tanto as beirarrúas, as marxes do río, como os treitos de acceso á ponte.

A obra, que conta coa resolución favorable da Comisión Provincial de Patrimonio, centrarase na ampliación da sección transversal da ponte mediante a execución dunha lousa de formigón armado, con voadizos en ambos os laterais.

Esta ampliación permite reordenar o tráfico rodado e peonil, xa que a nova sección transversal posibilitará albergar dous carrís de 3 metros de ancho, beiravías de 0,25 ou beirarrúas de 2,10 metros de anchura.

Cronograma para minimizar as afeccións ao tráfico

Co obxectivo de minimizar a afección ao tráfico, a execución das obras foi programada por fases. O cronograma previsto para levar a cabo as actuacións xa foi trasladado aos Concellos de Zas e Vimianzo.

No día de hoxe comezaron os traballos previos, coa instalación de sinais verticais, e mañá, martes, continuarán co pintado e a colocación de barreiras para iniciar os traballos de escavación do noiro que aloxará as canalizacións para repoñer os servizos de telecomunicacións.

Nesta etapa preparatoria, está previsto ocupar un dos carrís e permitir tráfico de vehículos alternativo regulado con semáforos polo carril dereito, en sentido Fisterra. Ademais, habilitarase sinalización cos desvíos alternativos para os vehículos nos accesos pola AC-552 e nos enlaces coa AG-55. Os peóns terán un paso habilitado en todo momento.
A partir do 19 de xullo, comezarán os traballos de rehabilitación da ponte coa demolición do muro e o seu acondicionamento para a ampliación do taboleiro. Nestas fases permitirase o tráfico de vehículos alterno regulado con semáforos e os peóns terán un paso habilitado.

Na segunda quincena de agosto terá lugar a preparación da ponte para o asento das lousas. Durante estas semanas estará cortada totalmente a circulación de vehículos pola ponte, sendo obrigatorio utilizar os desvíos alternativos sinalizados. Desde xeito, evítase que o corte se realice na primeira quincena de agosto, cando hai máis afluencia de tráfico.
A principios de setembro xa se abrirá a ponte ao tráfico coa nova sección ampliada e realizaranse os cortes de carril necesarios para o estendido do aglomerado do taboleiro ou a execución das xuntas de dilatación.