A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou hoxe a illa de Ons, na que está ambientada unha das longametraxes

A Xunta felicita aos equipos de ‘Ons’ e ‘A illa das mentiras’ polos 14 premios Mestre Mateo e agradece a súa achega para dar a coñecer o Parque Nacional

A responsable autonómica salienta o peso que teñen en ambas películas a paisaxe e a natureza galegas e cre que servirán de escaparate internacional e como reclamo turístico

Ons (Bueu), 14 de xuño de 2021

A Xunta de Galicia felicitou esta mañá aos equipos das películas galegas Ons e A illa das mentiras polos nove e cinco galardóns recibidos, respectivamente, na última edición dos Premios Mestre Mateo, un recoñecemento que servirá á vez para poñer no mapa internacional e contribuír á difusión turística do Parque Nacional das Illas Atlánticas, no que están ambientadas ambas longametraxes.

Así o subliñou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen se desprazou ata Ons en barco xunto ao director e guionista de Ons, Alfonso Zarauza, e á realizadora de A illa das mentiras, Paula Cons, para transmitirlles o seu dobre agradecemento por contribuír á dinamización do audiovisual galego e escoller o Parque Nacional como localización para as súas historias.

Neste sentido, a responsable autonómica salientou o peso que tanto a illa de Ons como a de Sálvora teñen en ambas películas, actuando non só como escenario natural para as rodaxes senón converténdose tamén en protagonistas das propias tramas argumentais.

Tras lembrar o potencial que ten o sector audiovisual como escaparate tanto a nivel nacional como internacional, Ángeles Vázquez —que estivo acompañada no acto polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil— considerou que estas longametraxes contribuirán a dar a coñecer as Illas Atlánticas e a súa beleza natural e paisaxística, o que suporá un novo pulo desde o punto de vista turístico.

Así, indicou que despois dun ano marcado pola covid a tempada alta arrancou con boas cifras de afluencia a este espazo natural, como demostra o máis de medio milleiro de persoas que visitaron Ons esta fin de semana, sen contar campistas nin veciños.

“Pero para poder ter estes recunchos con encanto, estes lugares paradisíacos temos que conservalos e preservalos e temos xente marabillosa como o director do Parque Nacional e os axentes, que están aquí durante as catro estacións do ano, realizando un labor de pedagoxía e de instrución e son, en realidade, os mellores coñecedores destes paraxes”, declarou a conselleira, quen tivo unhas palabras de agradecemento especial para todos eles por poñerse á disposición dos equipos de ambas películas desde o primeiro momento e prestarlles o seu apoio loxístico tanto na busca de localizacións como durante a rodaxe.

Galicia a través do cine

Na mesma liña, o director de Agadic, Jacobo Sutil, resaltou “a visibilidade de Galicia que se pode conseguir a través do cine” e de proxectos que, coma estes, contribúen á “difusión do noso patrimonio e da nosa cultura” fóra da Comunidade. “Esperamos que a través da colaboración coa Xunta outras partes de Galicia sexan o lugar escollido para facer novos proxectos audiovisuais con tanto talento, calidade e recoñecemento do público en xeral, da crítica e do sector como estas dúas películas”, engadiu.

Por último, os directores de Ons e A illa das mentiras coincidiron en subliñar o apoio recibido en todo momento por parte da Xunta para poder facer realidade as súas películas e rodar en dous escenarios naturais “privilexiados”.

En concreto, Paula Cons incidiu na “enorme receptividade, a axuda e o acompañamento” que atopou o seu equipo por parte do persoal do Parque Nacional, que os acompañou e aconsellou durante toda a súa estadía en Sálvora. “Unha rodaxe é algo moi grande, que provoca moitos trastornos, polo que vas algo temeroso a pedir axuda pero sempre atopamos unha man tendida”, resumiu.

Pola súa banda, Alfonso Zarauza considerou que “poder rodar nun paraíso natural como a Illa de Ons é unha responsabilidade e un privilexio” polo que insistiu no seu agradecemento “ao Parque Nacional, a Agadic, aos veciños e tamén á illa de Ons” por ofrecer o apoio necesario para sacar a súa película adiante “en condicións moi complicadas e en lugares moi delicados” para filmar.

Imaxes relacionadas