Preto de dous mil escolares galegos participan na XVII edición de Clases sen fume, o programa educativo para a prevención do tabaquismo da Xunta

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, fixo entrega dos premios desta iniciativa que trata de evitar o inicio do consumo de tabaco na mocidade galega

Vai dirixido a escolares de 12 a 14 anos, co obxectivo de evitar o consumo do tabaco na adolescencia ou, no seu defecto, atrasalo e dar a coñecer os riscos para a saúde do tabaquismo pasivo

Resultaron gañadores, o curso 2ºA do CPR Luis Vives de Ourense, 1º A do CPR Niño Jesús de Praga, en Vigo e 2ºC do IES Cidade de Antioquía, en Xinzo de Limia (Ourense)

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2021

Un total de 1.800 escolares de 88 aulas, procedentes de 28 centros diferentes de toda Galicia, participaron na XVII edición do programa educativo “Clases sen Fume”. Trátase dunha iniciativa que organiza a Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, en colaboración coa Consellería de Educación.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañado polo secretario xeral de Educación e Formación Profesional, José Luis Mira Lema, entregaron os galardóns aos centros premiados no concurso de 2020-2021. Na edición deste ano resultou premiado, na categoría “Clase sen fume” o curso 2ºA do CPR Luis Vives de Ourense; no apartado do mellor eslogan, o premio foi para 1º A do CPR Niño Jesús de Praga, en Vigo. No referido a actividade creativa, categoría esta na que hai dous premios, o primeiro foi para 2ºC do IES Cidade de Antioquía, en Xinzo de Limia (Ourense), e o segundo para 1ºA do IES Laxeiro en Lalín (Pontevedra).
Así mesmo, entregáronse catro accesits que recaeron nos cursos 1º A e 2º B do IES Ánxel Fole de Lugo, 1ºA do CPR Padre Feijoo Zorelle de Ourense e a 2ºC do IES 12 de Outubro de Ourense.
Este concurso educativo para a prevención do tabaquismo, está dirixido a escolares de 1º e 2º da ESO, é dicir, de 12 a 14 anos, idade na que se dan os primeiros contactos con tabaco. Ao longo de seis meses, os estudantes e o seu titor traballaron en distintas actividades para coñecer, por eles mesmos, os beneficios que conleva non iniciarse no consumo do tabaco. O obxectivo principal do programa é evitar o inicio do consumo de tabaco na adolescencia ou, no seu defecto, atrasalo e coñecer os riscos para a saúde do tabaquismo pasivo. Ademais potenciar a autoeficacia e habilidades dos escolares para manterse como non fumadores, reforzando á vez as accións preventivas sobre o tabaquismo realizadas previamente na aula.
Os gañadores dos premios poderán desfrutar de programas multiaventuras de 5 días no complexo xuvenil de Gandarío, no caso dos tres primeiros premios; tarxetas de acceso a contidos de ocio para o segundo premio e unha xornada no Aquapark de Cerceda para os accesits. Para os premios contouse coa colaboración do Concello de Cerceda, Monbús e a Cooperativa CLUN.

Imaxes relacionadas