Política Social reúnese con directores de residencias públicas autonómicas para avanzar na atención sociosanitaria do futuro

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, expúxolles as principais liñas de traballo nas que está traballando o comité asesor creado no mes de decembro

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2021

Os directores xerais de Atención Integral Sociosanitaria e Maiores e Persoas con Discapacidade, Antón Acevedo e Fernando González Abeijón, respectivamente, mantiveron esta mañá un encontro cunha trintena de directores de residencias de maiores e persoas con discapacidade de titularidade pública autonómica para avanzar nos proxectos de futuro da atención sociosanitaria.

Antón Acevedo indicou que “logo de pasar a fase máis aguda da pandemia, con todos os usuarios e traballadores de residencias vacinados, é necesario entrar nunha nova fase”. Deste xeito, o Goberno galego mantén activa unha canle de diálogo colectivo para que os responsables dos centros coñezan e debatan das liñas de traballo nas que está a afondar a Xunta de Galicia.

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria explicou no encontro as diferentes liñas de traballo nas que se está a dar prioridade de cara o deseño da atención sociosanitaria do futuro, como a informatización e dixitalización dos centros, os avances en teleasistencia ou o novo modelo residencial, nas que está traballando o comité asesor sociosanitario.

O pasado mes de decembro creouse este comité integrado por expertos en diferentes campos dos sectores das residencias, a sanidade, a arquitectura ou a investigación, ademais de representantes de familiares de residentes, entre outros. O seu obxectivo é atender as novas necesidades xeradas a raíz da covid-19 e mellorar os servizos residenciais de Galicia para a era post covid.
 

Imaxes relacionadas