A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou hoxe o Punto de Atención á Infancia do concello de Boborás

Máis de 10.000 nenas e nenos de escolas infantís de Galicia benefícianse da gratuidade para segundos fillos e sucesivos da Xunta

O 70% dos pequenos que asisten ao PAI de Boborás reciben atención educativa gratuíta grazas a esta medida

Na provincia de Ourense hai 40 casas niño que facilitan a conciliación da vida laboral e persoal das familias dos concellos rurais

Boborás (Ourense), 14 de xuño de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou hoxe nunha visita ao Punto de Atención á Infancia (PAI) de Boborás, na que estivo acompañada pola alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, que máis de 10.000 nenas e nenos de escolas infantís de Galicia se están a beneficiar da gratuidade para segundos fillos e sucesivos. Trátase dunha medida pioneira da Xunta á que poden acollerse todos os centros sen importar a súa titularidade e que permite que as familias non teñan que aboar o custe da atención infantil.

De feito, dos dez pequenos que acoden diariamente ao PAI de Boborás, sete están a beneficiarse desta iniciativa por ser segundos fillos ou sucesivos. A conselleira destacou, neste sentido, o labor que realizan tanto os Puntos de Atención á Infancia como as profesionais que traballan neles, cuxo traballo permite ás familias da contorna compaxinar a vida laboral e persoal.

Nesta liña, Fabiola García puxo en valor o esforzo do Goberno galego por facilitar a conciliación das persoas que viven en concellos de menor tamaño, e lembrou outra das iniciativas pioneiras que están a ter un gran calado entre as galegas e os galegos, as casas niño. Na actualidade na provincia de Ourense hai habilitados 40 centros deste tipo que ofrecen un total de 200 prazas de atención infantil de 0 a 3 anos gratuíta.

En toda Galicia hai na actualidade 77 casas niño repartidas polas catro provincias, se ben o Goberno galego está a piques de resolver unha nova convocatoria de axudas para poñer en marcha centros destas características naqueles concellos que non teñan ningún servizo de conciliación. Deste xeito, a Xunta de Galicia pretende chegar ao preto de centenar de casas niño no rural en 2021.

Imaxes relacionadas