A Xunta difunde o potencial dos novos materiais capaces de captar enerxía creados por empresas e centros de coñecemento galegos

O 18 de xuño celébrase un novo workshop online sobre materiais innovadores no marco da Materioteca de Galicia

Os participantes terán acceso a un informe de vixilancia tecnolóxica no que se analiza o estado actual da innovación realizada en Galicia neste campo dos materiais

Representantes dos centros de coñecemento Aimen, CTAG e CiQUS e da empresa Cupa Pizarras presentarán os seus proxectos innovadores sobre materiais captadores de enerxía e a súa aplicación en industrias como a automoción, a aeronáutica e a construción

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de innovación (Gain), organiza o vindeiro 18 de xuño un novo workshop sobre materiais innovadores con capacidade para contribuír á competitividade empresarial. Nesta ocasión, os protagonistas serán os materiais capaces de captar enerxía de xeito limpo e eficiente, que presentan un gran potencial para contribuír á oferta de fontes sustentables e diversas ante unha demanda enerxética en continuo aumento.
O encontro, organizado no marco da Materioteca de Galicia, comezará coa presentación dun informe de vixilancia tecnolóxica sobre o estado actual da I+D+i realizada neste campo polas empresas e os centros tecnolóxicos e de investigación galegos.
Como casos prácticos con aplicacións en sectores como a automoción, a aeronáutica e a construción, expoñeranse varios proxectos liderados desde Galicia para desenvolver novos materiais capaces de captar enerxía e as tecnoloxías que o facilitan. Dende o Centro Tecnolóxico da Automoción (CTAG) presentarán os sistemas que están a desenvolver para xerar e recuperar enerxía no automóbil. O Centro Tecnolóxico Aimen explicará o proxecto InComEss, centrado no deseño de materiais intelixentes capaces de rescatar enerxía.
A achega do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago centrarase nos seus avances para lograr baterías máis sustentables. Por último, a industria estará representada pola empresa Cupa Pizarras, que presentaría o seu captador solar integrado en lousa natural.
Na última parte do workshop, expoñerase unha selección internacional de materiais captadores de enerxía a cargo de Materially, centrada en solucións xa presentes nos mercados e cun alto nivel de innovación. A inscrición pode formalizarse neste enlace.