A Xunta protexe como BIC un microscopio único en España obra do pai da microbioloxía, Antony Van Leeuwenhoek

O DOG publica hoxe a resolución coa que inicia os trámites para o seu recoñecemento e aplica o réxime de salvagarda provisional prevista na Lei do Patrimonio Cultural de Galicia

O microscopio, que se atopa en Galicia, foi creado polo holandés Antony Van Leeuwenhoek e convértese no primeiro instrumento científico protexido patrimonialmente pola Xunta

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a incoación do procedemento para declarar Ben de Interese Cultural un microscopio naturalista de Antony Van Leeuwenhoek, unha peza emblemática e única en España que permitiu ao seu creador sentar as bases da bacterioloxía e protozooloxía, e que se atopa en Galicia nunha colección dun particular. Coa incoación deste expediente, a Xunta salvagarda por primeira vez de xeito patrimonial un instrumento científico.

A incoación realízase a petición da Dirección Xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura e Deporte para protexer esta peza singular, creada a finais do século XVII por Antony Van Leeuwenhoek, un holandés considerado o pai da microbioloxía e parasitoloxía que foi un dos primeiros en observar os microorganismos para o que utilizaba microscopios de deseño propio. O informe xustifica o carácter excepcional desta peza para a historia da ciencia.

O microscopio foi descuberto no ano 2014 na dragaxe de lodos dunha canle da cidade de Delft onde o científico viviu toda a súa vida e foi adquirido posteriormente polo seu actual propietario residente en Galicia por medio dunha plataforma dixital a un vendedor de antigüidades que o ofrecía como parte dun lote de instrumentos de pintura. Unha vez que o tivo no seu poder, iniciouse o proceso de autenticación na Universidade de Cambridge.

Este exemplar é o único microscopio orixinal de Leeuwenhoek que se coñece en España, dos nove que se conservan en todo o mundo e dos máis de 500 que se cree que chegou a construir. É o irmán xemelgo do que existe no Museo Boerhaave de Leiden, ben que ten un aumento maior e, como aquel, presenta unha característica única: tres buratos no parafuso. O resto dos microscopios localízanse fundamentalmente no país de orixe do naturalista, cuxas investigacións se consideran a orixe da microbioloxía e o desenvolvemento do microscopio.

A incoación do expediente supón aplicar de forma inmediata e provisoria -ata a súa aprobación definitiva nun prazo máximo de dous anos seguindo a lexislación- a protección integral da peza. No expediente valórase a súa importancia científica e cultural e a súa achega ao avance para a ciencia para posibilitar o progreso de moitas disciplinas científicas ao facilitar a identificación das estruturas básicas da materia. Únese aos máis de 700 Bens de Interese Cultural cos que conta Galicia.

Imaxes relacionadas