O conselleiro de Sanidade entrega ao porteiro do Celta Sergio Álvarez unha distinción pola súa implicación coa doazón de sangue

Na xornada de hoxe luns conmemórase o Día Mundial do doante de sangue

Vigo, 14 de xuño de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, entregoulle ao porteiro do Real Club Celta de Vigo, Sergio Álvarez Conde, unha distinción en agradecemento á súa inestimable contribución á doazón de sangue en Galicia. O acto, que tivo lugar a xornada na que se conmemora o Día Mundial do doante de sangue, contou, así mesmo, coa presenza da directora da Axencia de doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García.
Tal e como remarcou o conselleiro, con esta conmemoración por mor do día mundial, “agradecemos á sociedade a súa implicación e xenerosidade á vez que tentamos transmitir que a doazón de sangue é fundamental para salvar vidas”.
O lema adoptado este ano pola Organización Mundial da Saúde con motivo desta celebración é “Doa sangue para que o mundo siga latendo”. Esta mensaxe, -dixo o conselleiro-, “pon de manifesto a necesidade de que as persoas donen sangue de xeito habitual, para que os nosos pacientes poidan recuperar a súa saúde”. A campaña céntrase, especialmente, na xente moza, alentándolles a doar sangue e mobilizándolles na promoción da saúde.

Agradecemento a Sergio

O conselleiro agradeceu a Sergio a súa implicación, “posto que os deportistas son un referente para todos, moi especialmente para a nosa mocidade. Transmites os valores que te inculcaron, entre eles, a solidaridade co que sofre e necesita da xenerosidade dos demáis”, -díxolle o conselleiro-.
Segundo o responsable sanitario, “Sergio é un orgullo para o seu club e para a toda a sociedade galega e sentímonos orgullos de que te sumaras ao noso equipo. Estamos seguros de que o teu labor en favor da doazón de sangue ten resposta”.
Neste día tan especial recoñecemenos, -dixo García Comesaña-, “a todas as persoas que día a día donan sangue, sabendo a importancia deste acto imprescindible”.
O conselleiro agradeceu, tamén, ao Real Club Celta de Vigo, “a súa total implicacióon coa Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, sempre disposto a organizar campañas para obter as 500 doazóns diarias que necesitan os nosos hospitais”.
García Comesaña rematou a súa intervención agradecendo no acto a presenza e o constante traballo da Federación galega de Irmandades de doantes de sangue e da Irmandade de doantes de sangue de Vigo.

Imaxes relacionadas