A conselleira de Política Social asistiu esta mañá a un acto con entidades sociais en conmemoración do Día Nacional da Lingua de Signos

Fabiola García subliña a implicación do Goberno galego na accesibilidade das persoas xordas a servizos públicos

Destaca que a Xunta traballa nunha maior accesibilidade a través do servizo de intérpretes da CRTVG ou coa presenza de programas en hospitais públicos galegos

Reivindica unidade de acción institucional para que as persoas xordas cheguen aos poderes públicos de forma autónoma

A titular da Consellería participou, xunto a representantes de FAXPG e a ONCE, na elaboración dun mural coa lingua de signos e braille

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, subliñou a implicación do Goberno galego na accesibilidade das persoas xordas a servizos públicos. A titular do departamento autonómico participou esta mañá na elaboración dun mural coa lingua de signos e braille realizado en San Caetano pola Fundación Abrente a través do programa ENKI co gallo do Día Nacional da Lingua de Signos. Na súa elaboración tamén colaboraron o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón; o presidente da ONCE Galicia, Carlos Fernández Lamigueiro; e o presidente da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), Iker Sertucha Lista.
A conselleira sinalou que, como toda ferramenta comunicativa, a lingua de signos permite ás persoas xordas acceder a servizos e a prestacións. Neste sentido, destacou que a Xunta traballa nesta maior accesibilidade a través do servizo de intérpretes da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) ou coa súa presenza en hospitais públicos galegos.

Fabiola García reivindicou unidade de acción institucional para que todos os poderes públicos sexan máis accesibles e cheguen a máis xente e máis lugares. Unha acción para a que se fai moi necesaria a implicación dos organismos locais e que permitirá seguir avanzando cara esa sociedade máis igualitaria, xusta e accesible.

Agradecemento ás entidades sociais

Así mesmo, a titular de Política Social aproveitou o acto para agradecer ás entidades sociais que traballan neste eido o seu labor diario para asesorar e axudar ás persoas con necesidades especiais, e lembroulles que o Goberno galego estará sempre ao seu carón para impulsar novas medidas e iniciativas.

Imaxes relacionadas