A Xunta destaca o grande esforzo realizado pola artesanía galega para consolidar a súa presenza dixital durante a pandemia

Recoñece que o 2020 foi o ano no que o sector tivo que dar o salto definitivo á comercialización en liña e a novos modelos de xestión e venda, para o que contou co apoio do Goberno autonómico

A Xunta publica o novo número da revista "Obradoiro de Artesanía" na que se divulga o traballo de diferentes profesionais da marca especializados no eido da ourivería, da cerámica, da xoiería, do téxtil, da decoración, do vidro, da cantería, do traxe tradicional, do calzado e da carpintería de ribeira

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2021

A Xunta de Galicia –a través da Fundación Artesanía de Galicia– vén de publicar o número 19 da revista Obradoiro de Artesanía, especializada na divulgación e promoción dos oficios artesanais galegos. No seu limiar, o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destaca o esforzo realizado polo sector artesán galego durante o ano 2020 para axustarse á nova realidade que esixía “dar o salto definitivo á comercialización en liña e a novos modelos de xestión e venda”, para o que contou co apoio do Goberno galego a través de diferentes liñas de axuda e iniciativas de formación.
Neste novo número de Obradoiro de Artesanía divúlgase o traballo de profesionais especializados na ourivería, cerámica, xoiería, téxtil, na restauración, vidro, cantería, calzado e na carpintería de ribeira, ademais de facer referencia aos galardoados nos Premios Artesanía de Galicia 2020 e ás novas actividades relacionadas co proxecto Enredadas.
Protagonizan a edición deste ano oficios tradicionais como é o caso de Astilleros Fra (Cervo), única carpintería de ribeira inscrita na provincia de Lugo, ou Pedra Stone Design Project (Vigo), un obradoiro de cantería impulsado por un dos talentos máis novos da Artesanía de Galicia, que asegura o relevo xeracional neste campo; o obradoiro de Mercedes Vicente (Brión), coñecida polas súas esculturas téxtiles; a elaboración de zapatos artesanais de Calzados Losal (Monforte de Lemos), ou a cerámica utilitaria do obradoiro Branqueta (A Coruña).
A xoiería está representada por Fernando Gallego (Outes), cunha ampla traxectoria profesional e cunha valiosa experiencia na comercialización online das súas pezas; polo traballo de Rosa Méndez (Teo), especializada en xoiería en vidro; así como por Alberto Taboada (Maside), outro dos novos talentos da marca, que impulsa desde o rural ourensán un modelo de negocio estreitamente relacionado coa propia divulgación e posta en valor do seu oficio. Tamén na parte das novas incorporacións á Artesanía de Galicia referénciase o traballo da Factoría Atelier (O Grove), un obradoiro de restauración de mobiliario e de obxectos de decoración; do obradoiro de ilustración e estampaxe téxtil de Xiana Cobo (Santiago de Compostela); e do taller de deseño e elaboración de traxes de noiva de Sara Lage (Lugo).

Premios Artesanía de Galicia 2020

Como é habitual, neste número de Obradoiro de Artesanía faise referencia aos galardoados nos Premios Artesanía de Galicia 2020, impulsados pola Xunta para recoñecer o esforzo creativo e a xenialidade artística do sector artesán galego, para apoiar as novas xeracións e para homenaxear a traxectoria dos mellores profesionais da Artesanía de Galicia.
Deste xeito, inclúese unha entrevista ao obradoiro Traxandaina (Lugo), Premio Artesanía de Galicia 2020, coa proxección dunha peza do traxe tradicional galego nunha prenda de abrigo contemporánea, así como outra sección dedicada á traxectoria profesional do ourive Ricardo Rivas Casal (Santiago de Compostela), Premio Traxectoria 2020. Hai espazo tamén para o recoñecemento á ceramista Loaira Pérez Pérez, do obradoiro Raposiñas Cerámica Feita de Vagar (A Pobra do Caramiñal), gañador da Bolsa Eloy Gesto 2020.

'Enredadas'

Complementa os contidos desta nova edición de Obradoiro de Artesanía unha reportaxe sobre Enredadas 2020, un proxecto de boas prácticas iniciado no 2012 en colaboración coa Consellería do Mar e enfocado a diversificar o labor das redeiras artesás galegas, que lles permite abrir novas oportunidades de negocio a través doutros ámbitos como a moda, os complementos e a decoración.
Este proxecto foi o que propiciou que a Fundación Artesanía de Galicia fose galardoada como exemplo de boas prácticas co Premio Promociona para Entidades Públicas na XI edición dos Premios Nacionais de Artesanía 2016.
Obradoiro de Artesanía é unha publicación gratuíta, trilingüe (galego/castelán/inglés) que a Fundación Artesanía de Galicia realiza desde o ano 2008 e cuxa versión online pódese consultar na web da propia Fundación. A edición en papel distribúese entre os profesionais do sector artesanal galego, así como entre os da arquitectura e da decoración, eventos e feiras nacionais e internacionais, oficinas de turismo, galerías, hoteis, bibliotecas, tendas ou museos, entre outros. O obxectivo é empregala para promocionar Artesanía de Galicia e impulsar a súa comercialización nun mercado internacional cada vez máis interesado na nosa artesanía.

Imaxes relacionadas