O conselleiro do Medio Rural e a directora xeral de Desenvolvemento Rural presidiron a entrega duns 5.000 títulos a 2.215 propietarios que se viron beneficiados por este proceso

A Xunta investiu preto de 5,3 millóns de euros na parcelaria de Covas-Esmelle-Marmancón-Mandiá, no concello de Ferrol, que hoxe se dá por rematada coa entrega de títulos de propiedade

Mediante este proceso de reorganización do territorio, que abarca unha superficie dunhas 2.000 hectáreas, case se quintuplicou a superficie media das parcelas resultantes

Entre o ano 2020 e o primeiro cuadrimestre de 2021, a Xunta entregou 15.624 títulos de 14 concentracións parcelarias que beneficiaron a uns 6.400 propietarios

Neste ano 2021 decretáronse cinco novos procesos nos municipios de Outeiro de Rei, Ordes, Friol e Castro de Rei

Ferrol (A Coruña), 14 de xuño de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, presidiu esta mañá a entrega duns 5.000 títulos de propiedade da concentración parcelaria de Covas-Esmelle-Marmancón-Mandiá, no concello coruñés de Ferrol, dando así por rematado este proceso que supuxo un investimento por parte da Xunta de case 5,3 millóns de euros.
Esta parcelaria comprende unha superficie dunhas 2.000 hectáreas e beneficia a 2.125 propietarios, que viron como a superficie media das súas parcelas case se quintuplicaba. Así, salientou o conselleiro, pasouse dunhas 23.000 parcelas iniciais a 5.000 fincas resultantes, o que conlevou tamén un aumento da base territorial das explotacións da zona e, por tanto, unha diminución nos seus custos de produción.
A entrega de hoxe súmase ás xa realizadas este ano nos concellos coruñeses de Touro, Coristanco, O Pino e Melide, nos lugueses de Riotorto, Castro de Rei, O Valadouro e Abadín, e no ourensá de Baltar. Ademais, entre o ano 2020 e o primeiro cuadrimestre de 2021, a Xunta entregou 15.624 títulos de 14 concentracións parcelarias -sumando a de hoxe- que beneficiaron uns 6.400 veciños propietarios.
Neste senso, o titular de Medio Rural destacou a importancia destes procesos, que se converten nunha ferramenta fundamental para paliar o minifundismo presente na comunidade galega, dende o punto de vista da estrutura da propiedade. Así, o conselleiro insistiu en que se segue traballando arreo para finalizar os 98 procesos que a día de hoxe permanecen abertos, cun orzamento para tal fin que supera os 12 millóns de euros só neste ano 2021. Ademais, o titular de Medio Rural destacou que dos 98 procesos vivos, en 58 deles os veciños xa poden facer uso das novas parcelas.


Novos procesos decretados


O titular de Medio Rural lembrou que a Xunta segue decretando novos procesos de reestruturación, fiel ao seu compromiso de declarar novas parcelarias por cada unha que se vaia rematando. Así, José González destacou que este ano se decretaron xa cinco novos procesos, dous deles no concello de Outeiro de Rei e outros tres nos municipios de Ordes, Friol e Castro de Rei.
Estas novas concentracións parcelarias -iniciadas ao abeiro da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga)- teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións. Ademais, a través da recén aprobada Lei de recuperación da terra agraria de Galicia seguiranse impulsando estes procesos á vez que se aposta tamén por instrumentos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras.

Información xeorreferenciada

Ademais, cabe sinalar que se pon a disposición de todos os interesados a descarga da representación gráfica xeorreferenciada das novas fincas resultantes da concentración parcelaria na páxina web da propia Consellería (https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/concentracions-parcelarias-procesos).
Estes ficheiros descargables, no formato europeo INSPIRE de parcela catastral (GML), poderán ser utilizados para posteriores operacións que necesiten dunha inscrición rexistral. Isto permite dar unha maior seguridade aos datos de ubicación, delimitación e superficie dos predios que sexan obxecto do tráfico xurídico posterior á concentración parcelaria.
Deste xeito, dáse cumprimento ao establecido na Lei Hipotecaria e no texto refundido da Lei do Catastro Inmobiliario, trala súa reforma pola Lei 13/2015, do 24 de xuño, como sistema de coordinación entre o Catastro Inmobiliario e o Rexistro da Propiedade, facilitando a incorporación da descrición gráfica xeorreferenciada.

Imaxes relacionadas