ADOS conmemora o Día Mundial do Doante de Sangue cunha homenaxe especial a todos os doadores galegos

Mediante a emisión dun video que poderase ver a través das redes sociais

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2021

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) salienta hoxe a solidaridade dos doantes galegos, con motivo da conmemoración do Día Mundial do Doante de Sangue, institucionalizado pola Organización Mundial da Saúde (OMS). Nesta ocasión, a OMS adoita o lema “ Doa sangue para que o mundo siga latexando”, destacando a esencial contribución dos doantes de sangue para manter o pulso ao mundo, salvar vidas e mellorar a saúde dos demáis.
Este ano ainda non podemos xuntarnos, pero sí compartir o espírito que inspira, día tras día, a todas as persoas que colaboran coa doazón de sangue. Neste 14 de xuño, Día Mundial do Doante de Sangue, ADOS quere compartir un sentimento que nos une: a solidariedade.
Grazas a todas as persoas que neste complicado ano vos achegáchedes a doar. Grazas aos traballadores e traballadoras que fixéchedes da vosa profesión unha maneira de vivir para axudar aos demáis. Grazas a todas as entidades, aos concellos, centros educativos, empresas, irmandades de doantes e a todos os colectivos que día a día, desde hai máis de dúas décadas, teñen contribuído a crear unha conciencia solidaria proclive a doazón de sangue en Galicia.
Nesta ocasión, ADOS quere facer unha homenaxe a todos eles mediante a emisión dun vídeo especial, que poderase ver a través das redes sociais da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (Facebook, Instagram, Twitter e canle de YouTube).


Iluminación edificios


Os concellos das grandes cidades de Galicia queren sumarse á conmemoración do Día Mundial do Doante de Sangue, polo que edificios e localizacións significativas das principais cidades galegas, iluminaronse en cor vermella para salientar o labor xeneroso e vital que realizan, todos os días, centos de cidadáns que doan sangue para permitir que moitos enfermos solucionen graves problemas de saúde.
As zonas iluminadas esta madrugada foron O Pazo de Raxoi de Santiago, o Teatro Jofre de Ferrol, a fachada da Casa do Concello (Pontevedra), a Fonte de Cuatro Caminos da Coruña e as Fontes da Rúa Aragón de Vigo. Ao longo desta fin de semana tamén ilumináronse a Ponte Vella de Ourense e a Torre de Hejduk da Cidade da Cultura de Santiago.
ADOS manifesta o seu recoñecemento a todas as persoas que doaron sangue no 2020 e ao longo do presente ano que, a pesar da situación excepcional que estamos a vivir, son conscientes do valor vital que supón facer unha doazón de sangue.

Imaxes relacionadas