Galicia organiza mañá un seminario virtual para poñer en valor a colaboración entre as ONG medioambientais, a pesca e a ciencia

A conselleira do Mar participará por videoconferencia na apertura deste evento que se desenvolverá xunto coa Oficina Europea para a Conservación e o Desenvolvemento no marco do Intergrupo do Parlamento Europeo sobre Cambio Climático, Biodiversidade e Desenvolvemento Sustentable

O obxectivo desta iniciativa é demostrar como a suma de sinerxías entre as organizacións non gubernamentais e o sector marítimo-pesqueiro permiten acadar resultados beneficiosos para a saúde dos ecosistemas e a pesca sustentable

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participará mañá na apertura do seminario web A colaboración entre as ONG medioambientais, a industria pesqueira e a ciencia impulsa a sustentabilidade. Este evento virtual, organizado pola Xunta e a Oficina Europea para a Conservación e o Desenvolvemento (EBCD), ten como obxectivo por en valor a suma de sinerxías entre as ONG mediomabientais, o sector marítimo-pesqueiro e a ciencia en beneficio da saúde dos ecosistemas e dunha pesca sustentable.
O seminario organízase no marco do intergrupo do Parlamento Europeo sobre Cambio Climático, Biodiversidade e Desenvolvemento Sustentable. A través de esquemas actuais de cooperación que serán presentados por distintos expertos nas materias obxectivo do seminario, detallarase como se poden acadar resultados concretos e efectivos para a sustentabilidade marítimo-pesqueira cando se impulsa a colaboración entre o sector e as ONG medioambientais.
O seminario virtual comezará ás 16:00 horas coa benvida do eurodeputado Francisco Millán Mon, que dará paso á conselleira do Mar. Despois intervirá a directora en funcións da Política Pesqueira no Atlántico, Mar do Norte, Báltico e Rexións Ultraperiféricas da DG MARE, Maja Kirchner.
A partir das 16:25 horas diferentes axentes internacionais vencellados ao sector pesqueiro e á ecoloxía presentarán estudos de casos. Entre os participantes estará o presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores da Coruña, Daniel Formoso, que falará entre outros aspectos do proxecto Econoia, unha iniciativa da confraría de Noia apoiada na convocatoria de axudas da Xunta de 2020 a proxectos colectivos para a protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante a recollida de residuos no mar.
Este tipo de proxectos enmárcanse no plan Marlimpo da Consellería do Mar que busca contribuír a acadar un ambiente costeiro e mariño limpo e produtivo e unha redución da cantidade de residuos existentes nas zonas costeiras.
Outro dos casos que se exporá será o do proxecto FIP Blues, de mellora das pesqueiras de peixe espada e quenlla azul. Del darán conta o director xeral de Espadeiros do Atlántico, Emilio Martínez, e o director de pesca e mercados de Sustainable Fisheries Patnership: FIP Blues, Pedro Ferreiro.
Finalmente haberá unha quenda de preguntas e respostas que estará moderada polo membro do Grupo de Expertos de Pesca da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN), Ernesto Penas.
Este seminario virtual enmárcase nun acordo entre a Consellería do Mar e a Oficina Europea para a Conservación e o Desenvolvemento. As persoas interesadas en seguilo deben rexistrarse antes no seguinte enlace e poden atopar máis información nesta outra ligazón.