A Xunta mellora a tramitación das solicitudes de cortas de madeira cunha ferramenta intelixente que permite saber en tempo real se as parcelas teñen valores protexidos

Este novo módulo informático guiará aos cidadáns na solicitude de corta de madeira permitindo que só coa entrada da referencia catastral, o particular saiba se a súa parcela se atopa en Rede Natura, protección de augas ou afectada por un elemento do patrimonio cultural

Mediante un sistema sinxelo de preguntas, o propio programa dirixirá aos particulares ao trámite axeitado que deben presentar ante a Xunta de Galicia

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2021

A Consellería do Medio Rural, xunto coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), veñen de dar un paso máis na dixitalización do sector forestal mellorando o sistema de tramitación administrativo para solicitar a realización dunha corta de madeira. Así, a ferramenta intelixente ten como fin guiar aos usuarios na solicitude de cortas de autoconsumo en parcelas afectadas por valores protexidos. Simplemente introducindo a referencia ou referencias catastrais onde se desexa realizar o aproveitamento de madeira e contestando a unha serie de preguntas sinxelas, os usuarios coñecerán en tempo real se a súa parcela se atopa en Rede Natura, protección de augas, afectada por un elemento do patrimonio cultural ou pola protección do dominio público. Desta forma, os usuarios coñecerán cal é o procedemento máis axeitado para a tramitación de dita solicitude de corta.
Esta mellora atende, entre outras, unha demanda dos cidadáns xa que, anteriormente, cando un particular quería facer un aproveitamento de madeira, en función dos valores protexidos da parcela, os solicitantes debían coñecer previamente que trámite facer (declaración responsable ou autorización), e aínda que dispoñían de ferramentas como un visor de mapas para consultar estes valores, en ocasións os trámites elixidos polos particulares non eran os axeitados e conducían a problemas posteriores. Neste senso, esta mellora beneficia principalmente aos solicitantes particulares, xa sexa para aproveitamentos de uso doméstico ou con destino comercial, que non teñen os coñecementos dos profesionais do sector.
Con esta mellora do sistema, os cidadáns non precisarán saber cando facer un trámite ou outro porque a propia ferramenta os guiará mediante unhas simples preguntas e unha vez introducido o número de referencia catastral da parcela onde se desexa cortar, o sistema consultará en tempo real as posibles afeccións e informaralle ao cidadán, sen necesidade de que faga consultas aos visores de mapas dispoñibles.
Estes novos sistemas intelixentes que vén de poñer en marcha a Xunta de Galicia axudarán aos particulares a facer trámites administrativos, guiándoos durante todo o proceso, e asegurando que dita tramitación se faga consoante ás normas establecidas e, deste xeito, facilitará moito o proceso. Esta actuación forma parte da Estratexia de Dixitalización e Descarbonización (D&D) que a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) están a desenvolver para mellorar a xestión forestal.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural