A Xunta abre o prazo de solicitude de axudas para a consolidación dos centros tecnolóxicos

Os apoios, aos que se destinan 6,2M€, diríxense aos sete centros tecnolóxicos de Galicia e aos dous de apoio á innovación tecnolóxica que figuran no rexistro estatal

Este tipo de actuacións promove a excelencia científico-técnica e a posta en valor da investigación, ao tempo que impulsa a colaboración co tecido empresarial e a captación de fondos europeos de I+D+i

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2021

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), seguirá apostando polo talento e a I+D+i galega para impulsar o labor dos centros tecnolóxicos e de apoio á innovación coa convocatoria para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas. En total, a Xunta destinará 6,2 millóns de euros a estes centros co obxectivo de potenciar as súas liñas estratéxicas de investigación e a súa transferencia ao mercado.
Trátase de axudas plurianuais que comprenden os anos 2021 e 2022 para proporcionarlles aos centros tecnolóxicos un horizonte de certeza económica que lles permita planificar e executar coa programación adecuada as actividades de I+D+i que pretenden realizar.
A convocatoria de axudas para a consolidación e estruturación de centros tecnolóxicos e de apoio á innovación tecnolóxica de Galicia destínase aos que figuran no rexistro estatal do Ministerio de Ciencia e Innovación e no que están os sete centros tecnolóxicos de Galicia: Aimen, Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), Anfaco-Cecopesca, Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), EnergyLab e o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim). Tamén se inclúen os dous centros de apoio á innovación tecnolóxica: Centro Tecnolóxico da Auga (Cetaqua) e o Clúster de Acuicultura de Galicia (Cetga).
As axudas distribúense en función de 17 indicadores que valoran a perspectiva financeira, de resultados e excelencia, e de persoal e igualdade de xénero de cada centro. Mantéñense os indicadores, limiares e puntuación da convocatoria anterior. Apoiarase o custo de persoal investigador ou de apoio, material bibliográfico e funxible, custos de formación do persoal do centro e outros gastos ata un máximo do 10% da axuda concedida. Deste xeito, as axudas teñen un gran potencial para a atracción e retención de talento mediante actuacións centradas no capital humano, na liña de programas como Principia, Oportunius ou Talento Sénior.
Esta actuación encádrase na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, tendo como finalidade a consolidación dos centros de coñecemento a través do funcionamento dos seus gastos estruturais. Complementa, ademais, outros apoios a disposición destes centros como os programas de apoio á adquisición de infraestruturas de alta calidade, Conecta Peme, Unidades Mixtas ou Fábrica Intelixente, que están deseñados para unha activa participación destas entidades que, co seu traballo, contribúen ao avance da dixitalización do tecido galego, un obxectivo prioritario das políticas europeas no novo contexto económico.

Imaxes relacionadas