A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 09,00 h de hoxe

Permanece activo un incendio declarado no municipio pontevedrés de Salvaterra de Miño, parroquia de Uma, que tamén afecta a localidade veciña de Mondariz e que rolda as 180 ha

Neste lume chegou a decretarse a Situación 2 pola proximidade do lume ás casas, aínda que a medida quedou desactivada esta mañá

Tamén segue activo o incendio do concello lucense de Folgoso do Courel, parroquia homónima, que afecta unhas 105 hectáreas

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2021

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 09,00 h de hoxe.

Salvaterra de Miño

Permanece activo, dende que se iniciou ás 21,51 h da pasada noite, un incendio no concello pontevedrés de Salvaterra de Miño, parroquia de Uma, que tamén afecta a localidade veciña de Mondariz. Neste lume chegou a decretarse a Situación 2 ás 00,59 h desta madrugada pola proximidade do lume ao núcleo de Maceiras, en Salvaterra, e posteriormente aos núcleos de Mouriscados, Fontebalán e Crespos, xa en Mondariz. Grazas ao traballo dos servizos de extinción, a medida preventiva quedou suspendida ás 07,26 h desta mañá.

Segundo as últimas estimacións, este incendio forestal afecta unha superficie provisional de 180 hectáreas. Para o seu control téñense mobilizado ata o momento 8 axentes, 26 brigadas, 15 motobombas e 2 pas.

Folgoso do Courel

Tamén continúa activo, dende que se iniciou ás 04,50 h da madrugada de onte, o incendio rexistrado no municipio lucense de Folgoso do Courel, parroquia homónima. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie dunhas 105 hectáreas. Ata o de agora desprazáronse á zona para controlalo 1 técnico, 10 axentes, 30 brigadas, 14 motobombas, 1 pa, 7 avións e 2 helicópteros.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.