O CGAC estrea nova exposición sacando á luz os seus propios fondos vencellados co Camiño de Santiago

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou a mostra ‘Camiños’ que se pode ver ata o vindeiro 26 de setembro no museo de Compostela

O proxecto pon en diálogo a unha quincena de artistas e proxectos que históricamente marcaron as formas de visualizar o camiñar e a evolución da idea de camiño

Forma parte da programación do Centro Galego de Arte Contemporánea para o segundo semestre do 2021 xunto con ‘Carles Fontserè e Camilo José Cela. Nueva York Amarga’

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou Camiños, a nova exposición do Centro Galego de Arte Contemporánea coa que se poñen en valor os fondos propios da Colección CGAC vencellados coa Ruta Xacobea. Trátase dunha mostra que se poderá visitar ata o vindeiro 26 de setembro e que pon en diálogo a unha vintena de artistas e proxectos que históricamente marcaron as formas de visualizar o camiñar e a evolución da idea de camiño.
No seu percorrido, o responsable de Cultura da Xunta salientou a especial relevancia que ten para Galicia, e nomeadamente para Santiago de Compostela, o feito de camiñar e a vivencia do itinerario e da peregrinación como fenómenos e experiencias artísticas. “O Camiño de Santiago é unha fonte de riqueza e orgullo para todos os galegos, pero tamén unha fonte de inspiración para todos os creadores culturais que atopan nas paisaxes do camiño ou na propia experiencia da peregrinación ideas para os seus proxectos”, explicou.
“Esta vinculación coa peregrinación é aínda máis palpable neste museo que se atopa a só uns metros da entrada do Camiño á cidade de Compostela”, afirmou Román Rodríguez antes de engadir que é precisamente esta vinculación a que fai cunha parte da Colección CGAC esté xerada “arredor deste fenómeno cuxa relectura na contemporaneidade foi constante e reiterada desde múltiples perspectivas formais e temáticas”.

Capítulos inmediatamente sucesivos

A mostra divídese en dous capítulos inmediatamente sucesivos no tempo, que ocuparán o mesmo espazo dentro do museo e funcionarán como relatos complementarios. No primeiro deles incorpórase documentación sobre obras e proxectos de artistas contemporáneos procedentes do Centro de Arte y Naturaleza de Huesca (Fernando Alvira, Andrés Ferrer, David Nash e Per Kirkeby) e da Illa das Esculturas de Pontevedra (Giovanni Anselmo, Fernando Casás, José Pedro Croft, Dan Graham, Ian Hamilton Finlay, Jenny Holzer, Leiro, Richard Long, Robert Morris, Anne & Patrick Poirier e Ulrich Rückriem).

Esta mostra, que se poderá visitar de xeito libre no horario do museo ou nun percorrido guiada cun experto todos os domingos ás 12,00 horas, forma parte da programación do CGAC para o segundo semestre do ano xunto con Carles Fontserè e Camilo José Cela. Nueva York Amarga. Esta segunda mostra, comisariada polo director do CGAC, Santiago Olmo, e polo catedrático de Historia da Literatura Española da Universidad de Barcelona, Adolfo Sotelo, busca reconstruír a historia do libro inconcluso Nueva York Amarga, que Cela iniciou co obxectivo de retratar a cidade norteamericana en base ás fotografías realizadas por Carles Fontserè e ás cartas que ambos intercambiaron, así como os documentos, informacións e reflexións do catalán sobre a cidade que xuntaba ás fotografías.
 

Imaxes relacionadas