A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 13,30 h de hoxe

Permanece activo o incendio do concello lucense de Folgoso do Courel, parroquia homónima, que rolda as 50 hectáreas

Quedou controlado o lume do municipio ourensán de Lobios, parroquia de Río Caldo, que afecta menos dunha hectárea do Parque Natural Baixa Limia Serra do Xurés

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2021

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 13,30 h de hoxe.

Folgoso do Courel

Continúa activo, dende que se iniciou ás 04,50 h desta madrugada, o incendio rexistrado no municipio lucense de Folgoso do Courel, parroquia homónima. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie dunhas 50 hectáreas. Ata o de agora desprazáronse á zona para controlalo 1 técnico, 6 axentes, 11 brigadas, 7 motobombas, 7 avións e 2 helicópteros.

Lobios

Quedou controlado ás 11,40 h desta mañá o lume que se orixinara ás 08,46 h no concello ourensán de Lobios, parroquia de Río Caldo. Neste caso, afecta menos dunha hectárea do Parque Natural Baixa Limia Serra do Xurés. Ata o momento mobilizáronse para o seu control 1 axente, 4 brigadas, 2 motobombas e 1 helicóptero.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.