Unha ducia de voluntarios pasan a fin de semana no parque do Invernadeiro colaborando na protección e rexeneración do bosque autóctono

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2021

O Parque Natural do Invernadeiro acolle durante esta fin de semana a 12 participantes no novo programa de voluntariado ambiental interxeracional, impulsado polas consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e de Política Social. Entre hoxe e mañá, os voluntarios participarán en diferentes actividades ao aire libre e baixo a dirección e supervisión do persoal da Xunta que presta os seus servizos neste espazo natural.

Entre as actuacións programadas para estas dúas xornadas de voluntariado no parque cómpre subliñar a revisión dalgunhas das zonas nas que se realizaran labores de rexeneración do bosque autóctono, con reconto de plantas viables, a recolocación dos protectores de planta que estean inclinados ou movidos, e tamén a instalación deste tipo de elementos protectores sobre o rexenerado existente.

Así mesmo e co fin de que os voluntarios teñan unha experiencia completa e satisfactoria, organizaranse diversas rutas para que poidan coñecer o maior número posible de zonas do parque natural así como as súas principais características.

Cómpre lembrar que de aquí ao vindeiro mes de outubro hai programadas un total de 20 accións de voluntariado ao abeiro desta iniciativa de carácter interxeracional, que esgotou as 228 prazas dispoñibles en só tres horas e achegará aos seus participantes a 16 dos espazos naturais máis senlleiros de toda Galicia.

Ademais do Invernadeiro, o programa de voluntariado ambiental deste ano recalará tamén nos outros dous parques naturais da provincia de Ourense, cunha acción programada na Serra da Enciña da Lastra para a fin de semana do 23 ao 25 de xullo, e outra no da Baixa Limia-Serra do Xurés, que se desenvolverá neste caso entre o 30 de xullo e o 1 de agosto.

Imaxes relacionadas