A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, colaborou hoxe no Grove nunha das 63 recollidas de lixo programadas en Galicia

Medio Ambiente participa na limpeza da praia de Con Negro dentro da campaña ‘1m2 contra a basuraleza’

O Grove (Pontevedra), 12 de xuño de 2021

A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, participou esta mañá na praia de Con Negro nunha das 63 accións de limpeza de residuos programadas para hoxe por toda a Comunidade no marco da iniciativa 1m2 contra a basuraleza, impulsada por SEO/BirdLife e Ecoembes, co apoio da Xunta de Galicia, para loitar contra a presenza de lixo na natureza e sensibilizar á cidadanía sobre este problema medioambiental.

Concretamente, os participantes nesta batida, organizada polo Concello do Grove, estiveron durante dúas horas recollendo e clasificando o lixo que atoparon no areal e nas súas inmediacións, un traballo que se completará coa posterior caracterización destes residuos a través da App Basuraleza co fin de estudar o seu impacto no medio e sacar as oportunas conclusións.

Nesta quinta edición da campaña, son máis de mil as actuacións colaborativas programadas por todo o país. A Xunta sumouse en 2017 por primeira vez á iniciativa e un ano máis, volve apoiar todas as accións de limpeza en espazos naturais que se levarán a cabo ao longo do día en Galicia —16 na provincia da Coruña, 9 na de Lugo, 6 en Ourense e 32 en Pontevedra— e que mobilizarán a máis de 600 voluntarios contra a “basuraleza” en espazos naturais de gran valor.